Marta Rodríguez Engroba
Violencia de xénero. Entre o show e o negocio
Que arredor do que se da en chamar loita contra a violencia de xénero nacen, medran e se reproducen lucrativos e proveitosos negocios para máis dun que a súa ambición por trepar lle chaman solidaridade é algo mais que constatado, e que non por telo detectado se solventa.
Pola contra, este afán puramente mercantilista e carente de escrúpulos está cada vez máis instaurado e mellor visto na nosa sociedade, e, lonxe de tentar atallalo, é fomentado e apoiado, facéndose cada vez mais sólida a súa base de "eu fago que non me entero dos teus manexos, e ti tampouco ves os meus… Todos gañamos!", até o punto de que, quen non comparte tal pirateo e, máis ou menos sutilmente, convidado a abandonar o barco, non vaia ser que deixe demasiado en evidencia que hai moita xente que, malia semellar o contrario, loita e traballa moi pouco ou nada, pero aparenta e cobra como se estivesen a deixar media vida no empeño.
Por se esto non abondara, comeza a haber mais que evidentes indicios de que unha nova modalidade de "loita" contra a violencia de xénero naceu, que é a aparición de vítimas desta lacra e dos satélites que xiran ao seu arredor, supostamente para axudalas, en programas de televisión aos que o apelativo de "telebasura" os fai gañar categoría, emitidos en canles que teñen como sinal de identidade os seus contidos machistas, así como a cosificación e degradación da muller, a que dan o trato de mero obxecto.
De súpeto, as fazañas erótico festivas do famoso ou famosa de turno, ou as súas leas cos "paparazzi" polos que din sentirse acosados pero polos que se aseguran de ser vistos, xa que deso viven, comparten espazo con mulleres que din ter sido golpeadas pola violencia machista máis brutal.
Todo un elenco de "autoridades" na materia que, até hai nada debatían sobre temas tan profundos como se os pectorais de tal ou cal famosilla aumentaran sospeitosamente de tamaño, eríxense en tempo récord en adalides dos defensores das mulleres en xeral, e da maltratada convidada no plató en particular, a que intúo, baseándome soamente, que quede claro, nas miñas mais ou menos agudas dotes de observación, se adestrou previamente para que o seu comportamento sexa o que a cadea precisa para acadar audiencia, algo que, por desgraza, non require un gran esforzo, xa que a situación de extrema vulnerabilidade na que se atopan estas mulleres fan que esta, na miña opinión, non moi honrosa tarefa, sexa doada.
Non teño moito mais que engadir.
Soamente compartir, se me permitides, con vós as miñas reflexións.
Creo que é totalmente indigno que algo tan tremendo como a violencia de xénero sexa tratado en programas dun máis que cuestionable perfil. Máis indigno aínda me parece, e desde o respecto o digo, que se alguien, sexa colectivo ou persoa, que realmente quere axudar a unha muller que está a vivir tal inferno, lle aconselle acudir a tal show e aínda por riba o secunde e participe nel.
Sei que esto que estou a manifestar nestas liñas non vai gustar e que tamén haberá quen me diga que para loitar contra a violencia de xénero como contra calquera outra lacra e bó visibilizalas, algo co que eu concordo totalmente, pero non confundamos, ou, o que é peor, non tentemos confundir, a visibilización co show, show, ademais, que, aínda que chegue a ter unha certa repercusión e flor dun día e de nada serve se non se acompaña dun traballo diario e constante, menos vistoso que o que aparece nos platós, iso por suposto, pero infinitamente máis útil e sobre todo máis digno, principalmente para a muller afectada a que, malia que ela non se decate, polo menos inicialmente, fraco favor se lle fai expoñéndoa a ela e ao seu drama como se fose a protagonista dun reality.
O seu drama, o drama de todas e cada unha das mulleres que están presas nas garras da violencia machista, é real, moi real. Non forma parte de ningún espectáculo nin é un negocio… ou non debería.