Marta Rodríguez Engroba
Escrúpulos... a canto os pagan?
De verdade que estou superada. Si xa hai tempo que veño sospeitando que eu caín neste mundo porque ten que haber de todo, pero que é máis que obvio que son "rara avis" e semello ir case sempre contra corrente, a maioría dos feitos acontecidos neste verán non fixeron senón confirmalo, e boa proba disto é o meu estado anímico, que oscila cada día máis entre a incredulidade, a indignación e a frustración máis atroces, a o mesmo tempo que chego a pensar que tal vez sexa mellor que me plantexe que a miña andaina niso que lle din activismo remate, porque o que teño moi claro, e sobre iso si que non teño ningunha dúbida, é que hai accións que nin comparto, nin nunca compartirei, agás que o raciocinio que se supón teño me abandone.
Se algo non para de medrar no noso país é a crónica negra. Violencia de xénero, asasinatos de crianzas, agresións de todo tipo, así como o tráxico colofón, por agora, do atentado de Barcelona constitúen un día a día marcado pola dor, polo sufrimento e mesmo pola morte de moitas persoas, nenos e maiores, que ven as súas vidas salvaxemente truncadas por mor da violencia máis cruel.
E mentras esta barbarie, lonxe de diminuir, vai "in crescendo", ao seu carón convive e medra, de día en día, unha "fauna", por dicilo dun xeito benevolente, porque de boa gana lles daría outro apelativo bastante menos suave, pero moito máis fiel a súa condición, que fai ou tenta facer da dor, do desgarro máis absoluto, o seu agosto, sen pestanexar, sen que os conmova o máis mínimo e facendo espectáculo do xeito máis impúdico da traxedia allea.
Vítimas da violencia machista, crianzas que están a sufrir as súas consecuencias, as veces de xeito irreparable, persoas feridas ou mesmo mortas tiradas polo chan… todo vale, con tal de ter o momento de gloria polo que estes especímenes devecen, e co que, en non poucos casos, agardan acadar o seu pasaporte para eso que tal vez supoña o "chollo" da súa vida.
O mesmo da que unha muller acabe de ser asasinada pola súa parella, que uns nenos sexan as vítimas inocentes dun sistema e duns desaprehensivos que manipulan e sacan partido da súa situación sen o máis mínimo pudor.
Tampouco que unha persoa estea ferida ou se desangre xunto a eles é impedimento para que, coma voitres que son, acudan á chamada da carnaza máis repulsiva, deixando ben patente que non teñen corazón, e que os sentimentos non forman parte da súa equipaxe para transitar pola vida.
Algúns deles din que reivindican, outros que teñen a obriga de informar, e hai quen, sinxelamente, agarra a ocasión ao voo, que xa se sabe que estas traxedias son seguidas por practicamente todo o mundo e non é cousa de desaproveitar a ocasión, porque nunca se sabe quen os pode ver e, porén, fixarse nos seus talentos.
Ademais, cando se trata de acadar prebendas, a ética é un atranco ben incómodo que é mellor deixar nun caixón ben pechado ou, ainda máis recomendable, rexeitar para sempre... Hai que ser prácticos.
O de menos é o sufrimento das persoas as que utilizan. Bastante teñen con ensaiar o seu discurso, a súa pose diante do seu nutrido auditorio ao que teñen a facultade de convencer, porque iso si, de labia van sobrados, ou mesmo dunha cámara, que xa é a culminación do seu afán mediático e da súa total carencia de empatía.
O seu egoísmo desmedido, a súa ambición pola notoriedade, non lles deixa ver máis aló do seu embigo, se leven por diante a quen se leven.
Teñen, na maioría dos casos, unha folla de ruta ben definida, que van seguir por riba de todo, lle doa a quen lle doa, e dane a quen dane, porque van tan sobrados de egoísmo, de envelenado tesón, como escasos de escrúpulos, a menos, claro está, que vexan posible sacar algún beneficio deles, porque claro, teñen unha dúbida que non lles deixa ver claro a conveniencia de adoptalos, os escrúpulos... a canto os pagan?.
Asociación Si, hai saída