Marta Rodríguez Engroba
Un pouco de prudencia non está de máis, non si?
Se algún caso adquiriu o papel protagonista nesta semana que está a piques de rematar foi o de Juana Rivas, a nai que fuxiu cos seus fillos para evitar entregarllos ao seu pai, denunciado por malos tratos, e co que os nenos voltarían a Italia, onde el ten a súa residencia, algo que, finalmente, se confirmou.
As reaccións non se fixeron agardar e, de inmediato, ademais dos medios de comunicación, que deron cumplida información do caso, recollendo a testemuña, non soamente da nai dos nenos, senón de cantos dun ou doutro xeito están implicados nel, nas redes sociais comezou unha campaña que baixo o lema "Juana está na miña casa" evidenciaba o apoio a muller e a súa decisión de poñer terra de por medio e desaparecer xunto cos seus fillos.
Non faltou quen preguntou e, como adoita suceder, con direrentes intencións, por que desde Si, hai saída non nos pronunciamos sobre este tema, e non berramos tamén, malia que fose virtualmente, que Juana e os seus fillos estaban na nosa casa.
Pois ben, vou tentar explicalo o mellor posible, porque non me gustaría que se interpretase mal.
Como muller e como nai, o primeiro que me pide o corpo, evidentemente, é apoiar a Juana e manifestarme como todos cantos están a facelo, pero, se me paro a reflexionar, teño que apelar ao sentido común e admitir que non sempre se deben seguir os impulsos, e máxime nun caso tan grave coma este.
En primeiro lugar, soamente coñecemos unha versión da historia, por moi evidente que nos parezca e a experiencia demóstranos que non sempre os casos mais mediáticos resultan ser os mais veraces, pero si os mais atractivos para que moitos e moitas se suban a o carro e ter o seu momento de gloria.
Hai xa moito tempo que decidín levar á práctica algo que me ensinou un moi querido amigo de quen aprendín moito: a non moverme por conxecturas, malia que estas, ás veces, se disfracen de evidencias.
En segundo lugar: realmente era a mellor solución para Juana, para os seus fillos, fuxir, agocharse? É esta a vida que merecen?
O que hai que facer é arranxar o problema desde a base e mudar un sistema que, sexa quen sexa o proxenitor que ten a razón, se é que algún a ten, o único que fai e provocar que se manexe as crianzas como mercadorías, sen ter en conta os seus sentementos nin o dano irreparable que se lles ocasiona, inmersos nunha lea que non leva a ningures.
Tamén me gustaría dicirlles a algunhas destas persoas que se sumaron a campaña de "Juana está na miña casa", e repito, a algunhas: sei que moitas, a maioría, o están a facer realmente convencidas e de corazón, que está moi ben solidarizarse con cantas mais causas mellor, pero que estaría ben facelo primeiro coas que lles tocan máis de preto, a o seu carón.
Apoiar as loitas "de sofá", esas que defendelas non implica mais que darlle a unha tecla e saír nunha rede social é moi doado… e moi agradecido de cara a galería. Loitar polo que se ten pegadiño a un, mesmo na propia casa, de xeito real, implicándose non soamente con frases bonitas ou consignas mais ou menos grandilocuentes, senón con feitos….iso é fariña doutro costal.
Gustaríame saber que farían se, efectivamente, Juana e os seus fillos se agochasen na súa casa, e non virtualmente, véndose na obriga de demostrar esa gran verdade de que o movemento se demostra andando. De verdade que me gustaría.
Asociación Si, hai saída