Marta Rodríguez Engroba
E a sensibilidade... quen lla ensina?
A pasada semana, o Consello da Xunta aprobou o proxecto de decreto para a formación en Igualdade, prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración galega, e abarcará materias de indubidable importancia como igualdade de xénero, sexismo, violencia de xénero, etc.
Obviamente, é unha boa nova, e todo canto redunde nunha mellor atención, máis cercana, e sobre todo, máis humanizada, e enormemente positivo.
Tampouco se me escapa que a formación é fundamental, en calquera eido, e non soamente adquirila, senón ir reciclándoa períodicamente, pero eu non podo evitar facerme repetidamente unha pregunta, para a que, lamentablemente, nunca son quen de atopar a resposta… e tampouco ninguén a quen lla plantexo, e que se supón con competencias neste terreno, me aclara nada.
Quen vai garantir, ademáis da formación, a empatía, a sensibilidade, deste persoal, principalmente do que traballa en eidos tan delicados como o da violencia de xénero e, porén, na atención ás vítimas?
Teño a sensación as veces de que se da por sentado que a esta xente, o mesmo que ocorre co persoal que as atende nas Comisarías, Xulgados, etc, esta sensibilidade, a humanidade que se fai tan precisa para tratar a estas mulleres que chegan nunha situación tan dolorosa e tan vulnerable, lles ven "de serie", ou que, de non ser así, a van adquirindo a base desa formación, que moitas veces, e ante a queixa dunha atención non todo o satisfactoria que sería de desexar, esgrimen como argumento case irrefutable, sen ter en conta, ou, ainda peor, querendo facernos crer que esa formación, a empatía, a sensibilidade, van sempre da man, algo que non é certo nin de lonxe.
Acaso non pode, por poñer un exemplo, un policía ser un machista de manual, e prestar os seus servicios nunha unidade de atención as vítimas da violencia de xénero, porque un título, uns cursos, o acreditan como profesional apto, por unha cuestión de promoción, tal vez en aras dun posible ascenso, ou sinxelamente porque o designaron a ese posto?.
Temos que dar por sentado que un xuiz, un traballador social, ou mesmo un funcionario que se encarguen de asesorar e asistir a estas mulleres nun momento tan delicado da súa vida vai ser quen de poñerse na súa pel e entender as súas dúbidas, os seus recelos, ou mesmo a súa dificultade para expresarse coa coherencia que sería de desexar, pero que a súa situación fai que lle resulte enormemente difícil?.
E xa que estamos, temos tamén que admitir coma se fose un dogma de fe que unha xuiza, ou unha policía, polo feito de ser mulleres van empatizar de xeito automático coa vítima, cando de todos é sabido que hai mulleres que superan con creces as cotas de machismo de moitos homes que ostentan tal condición?
Cada vez estou máis convencida de que a criba, a selección, ou como se lle queira chama, do persoal encargado de traballar coas vítimas da violencia machista debería seguir outros criterios, ou, polo menos, engadilos a os que xa se están aplicando.
Acadar un título, un diploma, é relativamente doado. Poñerse na pel de quen teme pola súa vida, de quen ven de sufrir nas súas carnes a dor, as humillacións, as vexacións, posiblemente durante períodos moi prolongados, iso xa é fariña doutro costal, e non é algo que todo o mundo posúa.
O sentimento, a sensibilidide, non hai universidade nin academia que as ensine. Se sente ou non.
E non esquezamos que falamos de vidas.
Asociación Si, hai saída