Marta Rodríguez Engroba
Rebaixas de verán. Tamén a barbarie está a prezo de saldo
Non me resulta nada doado comezar a escribir estas liñas.
Hoxe é para min unha desas ocasións nas que bule dentro de min unha mestura de sentementos, e, para qué negalo, case ningún positivo. Indignación, desesperanza, carraxe...
Como me custa expresalos, porque teño a sensación de que,o faga do xeito que o faga, case ninguén me vai a entender e moito menos compartilos!.
Durante a semana que está a piques de rematar, a xustiza pronunciouse dictando algunhas sentenzas que, polo menos para min, deixan patente que delinquir, maltratar ou mesmo asasinar segue sendo moi barato, de feito as veces, demasiadas, se paga con prezo de saldo.
Un home retén e viola a unha muller durante vintecatro horas, e sae libre, con tan só unha orde de afastamento.
Trinta e un anos é a condea imposta a un malnacido que non dubidou en culminar a súa traxectoria como maltratador asasinando a súa dona no mesmo hospital no que estaba ingresada por mor dunha máis das súas brutais agresións.
E, como broche final, a condea a prisión permanente revisable para ese ser a o que non se lle pode chamar humano, que do xeito mais salvaxe asasinou as súas propias fillas, que algúns califican de xusta e case celebran mentras que a min se me antoxa desproporcionadamente benévola, desde o momento que lle permite a esa alimaña albiscar un horizonte de liberdade, que de seguro obterá, porque se algo saben estes depravados é comportarse como presos exemplares.
El terá a oportunidade de volver a vivir unha vida que as suas fillas lles segou brutalmente e tamén a súa nai, o seu obxectivo en definitiva, que nunca será quen de superar tan inhumana atrocidade.
Así as cousas, estou a debaterme entre a furia e a desesperanza máis absolutas.
Cada vez vexo máis afastada, máis remota, a posibilidade xa non de erradicar, senón de que, polo menos, a violencia de xénero diminúa. Non son quen de entender unha xustiza que di protexernos, o mesmo que os encargados de impartila, pero que semellan non ser quen de actuar coa contundencia que, sen dúbida algunha, unha lacra de tal calibre require.
Qué está a pasar?. Por qué se escatima rigor?. Por qué ao maltratador, ao asasino, se lle brinda esa segunda oportunidade que a súa vítima xa nunca terá, porque mesmo aquelas que sobrevivan vivirán unha vida xa marcada para sempre, na que o medo, as humillacións, a autoestima cruelmente mermada, deixarán xa as súas profundas pegadas, por moito que se tenten borrar.
Que impide que as leis, a xustiza, se apliquen coa rigurosidade acorde a gravidade dos delitos? Non se entende que aquel que se ensaña salvaxe e calculadamente con dúas nenas, do seu propio sangue, se lle otorgue nin a mais mínima oportunidade de saír de novo á rúa, de reintegrarse nunha sociedade a que, obviamente, non ten ningún dereito a pertenecer, implicando este feito, ademais, un máis que probable risco de que volva a cometer outra salvaxada similar ou peor.
Non consigo entender como, cando tanto se fala de prevención, neses actos nos que os flashes e as cámaras lles fan o xogo a políticos, a cabezas visibles de certos colectivos que saben posicionarse "como é debido", etc, etc, se cae reiteradamente nunha máis que evidente contradición otorgándolle case patente de corso a quen dana, a quen mata, sen escrúpulo nin remordemento algún.
O mesmo da canto se fale de loita contra a violencia de xénero, porque unha e outra vez todo se reduce a iso, a falar, a soltar discursos baleiros e a prometer solucións que nunca chegan e que, porén, non frean a escalada de asasinatos.
De nada nos serven esas estatísticas enganosamente maquilladas de optimismo, esas verbas grandilocuentes que nos venden fume.
Matar segue saíndo moi barato. Matar segue a estar a prezo de saldo, e mentros esto non mude, nós, as mulleres, as nosas crianzas, seguimos, desgraciadamente, á beira do precipicio.