Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Nomeolvides'
Nomeolvides é un cómic da deseñadora ourensá Nuria Figueiredo. Foi publicado en xuño de 2017 por Tebeos de Ultrarradio.
A protagonista é Camelia, unha rapaza sen perspectivas vitais, que decide ir vivir coa súa avoa Malvina. A nova vida oscila entre as rutinas (buscar traballo, dar paseos) e coñecer a Malvina de cerca. A avoa leva unha vida social activa, xa sexa no centro de día ou quedando coas súas amigas, pero amais ten unha ilusión por cumprir.
Nun dos seus paseos Camelia coñece a Simón, un rapaz que ten un refuxio para ver vagalumes. E ante a imposibilidade de conseguir traballo, Camelia decide montar unha tenda de flores.
Nomeolvides é unha historia de amor. O personaxe principal é unha rapaza do seu tempo, que afronta o desencanto con valentía e ánimo. A trama desenvólvese en cinco meses, desde marzo até agosto, nos que súa vida cambia por completo. Amais a primavera e o verán vense reflectidos en cada momento na importancia das flores e as plantas. Ao final do cómic inclúese un glosario de flores, cos significados de cada unha.
O cómic está debuxado a lapis. Hai multitude de pequenos detalles tanto nos interiores (o salón da casa da avoa, a tenda de flores...) como nos exteriores. Alterna os debuxos a dobre páxina con viñetas mías pequenas, e inclúe debuxos doutros elementos como calendarios, regras, carteis ou mesmo carnés do ximnasio.
Este é o primeiro cómic de Nuria Figueiredo, licenciada en Belas Artes, con grande experiencia na autoedición de fanzines como Catálogo de gentes. Veciandario I, El cuco ou Divas de buena vida y mala muerte. Forma parte do Estudio Pacheco, onde tamén pinta, fai cerámica e deseña estampados. Amais, no Estudio Pacheco poden contemplarse en exposición os orixinais do cómic até finais de xuño.