Antón Roel Villanueva
Como mapoulas de auga
En Maio, cando o mundo se enche de flores, na nosa cidade tamén mes da lingua, comeza ca Festa dos Maios cando os rillotes enchen o ar ca poesía das coplas na praza da Ferrería feita de pedra e camelia, logo os veciños e veciñas do barrio do Burgo madrugan para apañar as flores máis fermosas para facer a alfombra que homenaxea o persoeiro a quen se lle adica o día das Letras Galegas ollando para o ceo agardando que non choiva e estrague a súa arte efémera que fan con moito traballo e agarimo.
Alí na praza que comparten Curros Enríquez e Alexandre Bóveda, un dá nome a praza pero sen escultura e outro con escultura pero sen praza, oxalá axiña teñan cada un unha praza con escultura porque se alguén as merece son os dous persoeiros. Nese fermoso recuncho da cidade que nese día recende a flores e poesía e voces fermosísimas das corais e música da banda que silencian aos estorniños que a sobrevoan cando xa había tempo que non os ollaba cando antaño eran parte da paisaxe da cidade que como a alfombra de flores debuxan obras de arte efémeras no ceo, ese día pousados nos laranxos máis laranxos de todos os laranxos calaron por respecto a Carlos Casares o que tiña galiñas azuis.
Logo segue co Correlingua na festa da lingua cando un río de rapaces e rapazas flúen cara á cidade levando con eles o porvir do noso idioma cando a praza se converte nun praderío de mapoulas de cores que agroman entre as malas herbas, eles son a esperanza que non esmoreza un idioma feromosísimo que vendo os milleiros de nenos e nenas enchendo aquel recuncho de cultura e de amor pola nosa terra, eu non creo nos agoreiros que predicen a súa desaparición.
Tamén en pequenos xestos que se dan a cotío, un día destes paseando polas beiras do río dos Gafos diante miña ía unha meniña coa súa nai da man cun ramiño de xestas floridas ao pasar a carón do cartel que os veciños puxeron na carballeira do río en homenaxe a Manuel María colocouno ao carón do poeta, ou como unha equipa de fútbol logra encher unha cidade inglesa ca palabra Afouteza, ou para dar pulos milleiros de seareiros cantan a capela a Rianxeira nos campos de fútbol, ou cando se produce un feito luctuoso ou falece algún persoeiro para homenaxealo sona a Negra Sombra.
Agora coas redes sociais agroman novos xeitos de expresión que oxalá sirvan para dar pulo ao idioma nas mans da mocidade moito máis preparada e con máis medios para facelo neles está o porvir da lingua. Que o mes de maio como dicía a nosa Rosalía de Castro sexa un Maio Longo cando maduran as cereixas e nas beiras dos ríos florecen as mapoulas os lirios e narcisos, tamén que non sexa só na primavera cando a nosa lingua floreza, que o faga todo o ano. Entón é que aínda estmoas vivos como país.