Manuel Lourenzo González
Cegoñas no fondo da ría: Tras o misterio do rei Urco
Atribúeselle a don Álvaro Cunqueiro a noticia de que na construción do Partenón interveu, ás ordes de Fidias, certo canteiro galego da parte de Xeve a quen o mestre consultou a súa opinión sobre o nome que podía levar a obra unha vez rematada. O de aquí, bo no verbo dos arxinas pero malo en grego clásico, entendeu que lle preguntaba se era o mesmo labrar o mármore ca o granito, ao que respondeu: "Home, en parte si, en parte non".
Sirva esta brincadeira, seguramente apócrifa por indigna do xenio de don Álvaro, para achegarnos ao asunto que queremos tratar, non sen intención, neste tempo de Entroido: a orixe de Pontevedra. Asunto ben revirado, ao que intentaremos engadir novas luces e, inevitabelmente, algunha sombra.
A tese fundacional máis difundida é a do príncipe Teucro de Salamina. Dise que, ao remate da campaña de Troia, regresou á súa patria coa gloria de ter destacado como mellor arqueiro do exército grego; unha honra relativa, xa que os gregos non consideraban os arqueiros auténticos guerreiros, pois non arriscaban na loita corpo a corpo. Mais o seu pai, o rei Telamón, non lle permitiu nin descender do barco, xa que ao seu parecer non matara suficientes troianos para vingar a morte do seu irmán, Áiax. Daquela, o heroe puxo proa a Occidente nun periplo que, seguramente tan aventureiro coma o de Ulises, non mereceu, porén, tanta atención da literatura. Os ventos guiárono ata as costas galegas, onde fundou unha colonia á que chamou Helenes.
Bastantes séculos despois, a próspera burguesía renacentista pontevedresa, nunha época na que as vilas importantes competían por presumir de fundadores prestixiosos, adoptou como patrimonial o mito de Helenes e a paternidade de Teucro, co que a súa imaxe, ás veces arroupada pola iconografía de Hércules, pasou a formar parte da monumentalidade e a memoria da vila.
O galeguismo do XIX, nomeadamente na obra de Manuel Murguía, desbotou a Teucro e integrou Pontevedra no deseño dunha Galicia xenuinamente celta, certificando a súa orixe a partir dunha matriz de dous castros que coroarían as cimas dos dous outeiros que destacan sobre o plano da cidade. Andando o tempo, ambos os solares servirían de base para senllos edificios cristiáns: a igrexa-convento de San Francisco e a basílica de Santa María a Maior.
Finalmente, a historiografía actual, tan fiel ao método científico como combativa coa imaxinación, decretou que nin a fundación dos gregos nin o celtismo patriótico responden á realidade. Sen descartar algún asentamento anterior, céntrase a atención nos dominadores romanos, que levantaron unha mansión ao paso da vía XIX do Itinerario Antonino e mais construíron a primitiva ponte ou ponte-vetere que lle deu o nome ata agora definitivo á cidade. E este é o punto no que nos achamos.
Existe, non obstante, outra liña de investigación que incide na idea dun Teucro fundador, se ben nada ten que ver co príncipe de Salamina e si con outra civilización aínda máis antiga: a Atlántida. ÿ unha tese pouco visitada pola dificultade de achar testemuñas físicas dun período que nos retrotrae a hai aproximadamente doce mil anos; porén, dispoñemos doutra fonte documental, fiel e vizosa, que sobrevive aos milenios: a memoria da lingua.
Para empezar, convimos en que tras o afundimento catastrófico deste continente, unha parte da poboación salvouse fuxindo en barcos cara ás outras terras que abeiraban o Atlántico, onde deixaron o cuño da súa avanzada cultura e fundaron dinastías reais e escolas de filósofos. Da ciencia dos atlantes, o aspecto máis coñecido é o dominio da arquitectura e do traballo da pedra, sendo o seu selo de identidade a pirámide, cuxa técnica herdaron os posteriores arquitectos mesopotámicos, exipcios, incas, maias, toltecas, etc. Precisamente, é nesta ligazón case antropolóxica á albanelaría onde centramos o argumentario etimolóxico, que tamén explicará a razón de publicar esta atopocronía no tempo do Entroido.
Ademais do príncipe de Salamina, o nome Teucro levárono varios persoeiros do Mediterráneo oriental, incluso troianos. Mais, en realidade, provén dun substantivo común que designaba, en alternancia con pelasgos e pobos do mar, certos navegantes que chegaron ás nosas costas procedentes de Oriente alá polo segundo milenio a.C. Aínda que a súa orixe remota é escura, a Lingüística Histórica pode explicar que teucro é unha fusión vulgarizada de dúas palabras non indoeuropeas: teo+urco, das cales a primeira deu en grego theós (deus) e a segunda, equivalente a facedor ou construtor, produciu un abano de derivacións nas linguas actuais: Urco (fero can mítico; no lendario galego preséntase xigantesco, malencarado, ás veces branco, ás veces negro, que sae do mar arrastrando cadeas, de aí que tamén se coñeza como Can do Mar) e as súas variantes noutras linguas, como orco, huerco, huargo, arcojo, urgo, sen contar o inglés antigo warg; tamén argot, arcano (relacionados co segredo hermético), arconte (dignatario máximo), órgano e orgasmo; a prolífica raíz arqui-/arce- (o primeiro, o que está por riba); e uns cantos vocábulos do mundo da construción (arxila, mesmo rocha), dos cales o máis rechamante é arco, que sinala por un lado un dos elementos básicos de todo edificio, e, por outro, certa arma de guerra; non é casualidade que a arma de Teucro fose o arco, e que un dos símbolos da masonería ligados ao arcano dos construtores sexa o Divino Arqueiro. Tamén é de salientar que o derivado arxina (en Asturias, tamargo) sexa o nome do canteiro no seu argot gremial. Son de filiación máis dubidosa orxo (cebada), o étimo orqui- (testículo, de onde vén orquídea) e narguilé (pipa de auga). Mención aparte merece o nome Argos, que levou un rei mítico de mil ollos, o vixiante por excelencia, e, asemade, foi a nave dunha das viaxes iniciáticas máis antigas da nosa civilización: a dos Argonautas.
Daquela, non é froito do azar que o actual rei do Entroido pontevedrés sexa o Urco, que nos devolve á raíz dos míticos teucros. O seu choqueiro reinado comezou no derradeiro cuarto do século XIX da man do poeta Andrés Muruais e outros esmorgantes do seu círculo literario, os cales, seguramente próximos a algunha das múltiples loxas masónicas que existiron en Pontevedra, quixeron disimular na parodia un coñecemento antigo que nos liga aos mariños atlantes, o misterio dos construtores e as orixes da vila.
Ora ben, fóra do transparente memorial lingüístico, ata agora os historiadores non dispoñían de probas físicas que elucidasen o traslado da cultura atlántida ao Próximo Oriente, resultando inexplicábel que non ficasen pegadas do seu paso polo Occidente europeo. Isto cambiou hai cousa de medio ano, cando na baía de Douardenez, na Bretaña francesa, houbo que desmontar un outeiro coroado por unha antiga ermida para despexar o paso dunha estrada, e quedou á vista un zigurat de bo tamaño, en todo semellante ao 17.3 da Uruk mesopotámica (velaí outro nome vido de urco). Doce mil anos de erosión e sedimentación cubriran o edificio producindo unha elevación que semellaba un monte. Actualmente, xa se investiga en toda a contorna na busca de máis restos.
Este feito, que marca un antes e un despois no estudo da rota das pirámides, devólvenos a Pontevedra para verificar que a nosa cidade foi lugar de desembarco e estabelecemento dunha partida de atlantes, os cales, ademais de legaren ao futuro o mito do Can do Mar e toda unha restra de palabras relacionadas coa albanelaría, deixaron obra arquitectónica tanxíbel e soberbia: se algún día se chegasen a derrubar as igrexas de San Francisco e de Santa María e se desmontasen os outeiros que as sosteñen, achariamos no fondo senllas pirámides que aclararían a verdadeira orixe da nosa vila.
Non é unha afirmación gratuíta; as probas que a sosteñen son unha serie de perpiaños de fábrica utilizados nas propias igrexas, que, como calquera pode comprobar, aparecen marcados cos mesmos signos esotéricos ca os doutras pirámides. Sen dúbida foron desenterrados no momento de alicerzar os edificios e foron reutilizados a mantenta por arquitectos que, iniciados na ciencia hermética, buscaban manter o contacto coas orixes. Unha mágoa que sabedorías tan complexas e fértiles teñan que seguir hoxe aletargadas so o manto da metasofía e o esoterismo, cando non foron directamente cristianizadas; velaí un persoeiro do que estes días se fala moito, o Papa, que ten entre os seus títulos o de Pontífice, é dicir, construtor de pontes.
Derrubar en Pontevedra dúas igrexas feitas e dereitas para desenterrar unhas ruínas resultaría unha tarefa absurda, madía leva; mais non sería tanta perda escavar baixo o monte do Viso, en Redondela. Á vista da súa traza e de certos restos alí atopados, non sería raro que ocultase así mesmo algún segredo deses que fan que a ciencia e a historia se estremezan.
"Teucro" do centro social de Novagalicia Banco en Pontevedra - Autor: Cándido Pazos.
Autor da fotografía: Adrián Estévez
17.02.2013