Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Biblia'
A Biblia é un conxunto de libros escritos aproximadamente entre o século IX a.C. e o século I. Para as persoas crentes, a Biblia é un texto sagrado, principal fonte de fe e doutrina en Cristo, de inspiración divina e redactada a través de homes elixidos.
Máis alá de ser un texto sagrado, gústame ler a Biblia como obra de valor histórico, literario e lingüístico. Tómoo como un relato de ficción que inclúe numerosos acontecementos históricos para dar verosimilitude ao texto. Así, léoo coa mesma devoción ca O Silmarillion de JRR Tolkien (que fala tamén da cosmogonía e a aparición dos habitantes) ou a saga de Canción de xeo e lume (loitas entre estirpes para lexitimar o seu poder), coa sempiterna batalla entre o ben e o mal como pano de fondo en calquera libro que se digne.
A Biblia máis coñecida na nosa sociedade actual é o canon establecido pola igrexa católica no ano 382, baixo o papado de Dámaso I e confirmado no ano 1546 no concilio de Trento, convocado tras a aparición do protestantismo. Este canon inclúe 73 libros, dos cales 46 forman o Antigo Testamento (a historia dos hebreos) e 27 forman o Novo Testamento (que fala da vida, a morte e a resurrección de Xesús, xunto coa súa mensaxe e a historia dos inicios do cristianismo). Non obstante, outras igrexas cristiás inclúen outros libros nos seus canons, e a maioría delas exclúen os evanxeos considerados apócrifos. Pola súa banda, o xudaísmo -aínda que tamén hai discrepancias- considera o Pentateuco como texto sagrado xunto á Torá.
Desde o punto de vista histórico, a o libro que hoxe tratamos deu pé á arqueoloxía bíblica, disciplina que investiga dun modo científico os restos materiais de culturas descritas na Biblia. O seu campo de actuación é a rexión de Palestina (o territorio ao leste e oeste do río Xordán) entre hai uns catro mil anos e o século I. Nos seus comezos esta disciplina buscaba recorrer á arqueoloxía para dar soporte aos textos sagrados, pero a tendencia actual é situar os relatos e contrastalos coa súa historicidade, sen ánimo de probar as afirmacións sostidas na Biblia.
Os textos orixinais foron escritos en hebreo, arameo e grego helenístico. Xerome de Estridón traduciu a Biblia ao latín a partir das versións en grego e hebreo, por encargo do papa Dámaso I. A versión en latín, coñecida como Vulgata, foi tida como texto base durante moitos séculos. A primeira edición en castelán é a Biblia afonsina, feita na Escola de Tradutores de Toledo na segunda metade do século XIII baixo o patrocinio do rei Afonso X, e forma parte da Genereal estoria.
En 1943 o papa Pío XII publicou a encíclica Divino afflante Spiritu ("Inspirado polo espírito santo"), pedindo novas traducións da Biblia a partir dos textos orixinais. Isto xerou unha nova vaga de crítica textual, discutindo as lecturas correctas de cada versículo ou de cada termo, e tendo en conta as circunstancias históricas do texto para crear hipóteses sobre os seus autores e as datacións.
Neste marco apareceu a primeira tradución da Biblia á lingua galega, que comezara a xestarse tras a celebración do Concilio Vaticano II. A Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos, creada en 1966, creou un grupo de traballo coordinado por Xosé Fernández Lago e Andrés Torres Queiruga, do que formaban parte outras once persoas. A versión completa da Biblia en galego, tomada directamente do hebreo, arameo e grego, apareceu en 1989 e acadou o Premio Nacional de Tradución de España. O libro non é fácil de conseguir, e debe ser por iso que a gran maioría dos sacerdotes das parroquias galegas dan as misas en castelán.
A edición que manexo en lingua castelá é a tradución que fixeron Eloíno Nácar e Alberto Colunga, editada por vez primeira en 1944, que inclúe anotacións, mapas e ilustracións. Unha das particularidades desta tradución é que no pasaxe Lucas 17:21, traducen o adverbio εντος como dentro, no canto de como en medio ou entre, como fan o resto das Biblias. Amais, conserva a mención a Lilith en Isaías 34:14 como Lamia (criatura feminina da mitoloxía grecolatina), mentres que noutras versións aparece como "curuxa", "chotacabras" , "monstro nocturno" ou "pantasma que espanta de noite". Lilith está considerada a primeira esposa de Adán, e dise que logo de abandonar o Edén por iniciativa propia, instalouse xunto ao mar Vermello, onde se uniu a Samael. Por último, a edición Nácar-Colunga emite a coma xoánica, unha glosa engadida na primeira epístola de Xoán 5:7-8, incorporada desde o século IV e incluída na Vulgata latina cara ao século VIII co fin de apuntalar o dogma da Santísima Trindade, mais que non era usada por Agostiño de Hipona nin por Erasmo de Róterdam.
"Fotografía de Pedro Benavente. Dominio público"