Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'M Train'
M Train é un libro de memorias da estadounidense Patti Smith. Coñecida principalmente como poeta e cantante, ao longo das páxinas deste libro fálanos da súa realidade cotiá. Desde novembro de 2011 até a primavera de 2014, cóntanos as súas viaxes, as súas lecturas, os seus soños.
O libro é continuación do volume Just Kids, que en 2010 recibiu o National Book Award. Nestoutro texto, o primeiro libro de prosa de Patti Smith, fala da súa relación co fotógrafo Robert Mapplethorpe a finais dos 60 e comezos dos 70, até a publicación do seu disco Horses en 1975. Mais a diferenza desoutro libro, cun fío argumental claro, M Train está formado polas anotacións que fai día a día. Non é tan sinxelo escribir sobre nada, comeza o texto. Pero seguiremos adiante. E acompañada dun café, escribe as súas vivencias ou reflexións diarias en calquera papel que atope a man.
Como non podía ser doutro modo, o relato comeza na súa cafetaría favorita nesa época, no Greenwich Village de Manhattan. Ao longo dos meses fala das súas visitas a Islandia, México, Marrocos e Xapón. Narra tamén o paso do furacán Sandy pola costa leste en outubro de 2012, e as consecuencias que tivo á hora de restaurar unha casa que mercara a pé de mar.
Patti Smith recoñécese como escritora máis ca como cantante. Non é de estrañar xa que logo a súa forte relación coa literatura, e a cada momento está acompañada dun libro. Son tres os que comenta especialmente: 2666 de Roberto Bolaño, O mestre e margarita de Bulgakov ou Crónica do paxaro que dá corda ao mundo de Haruki Murakami. Desmiúzaos, deconstrúeos, enchóupase deles e compárteos.
Máis alá dos feitos do día a día, como mercar espaghettis para xantar ou a inclusión de calcetíns na maleta antes de saír de viaxe, resultan interesantes as reflexións persoais sobre a familia e a relixión, dous aspectos moi importantes na súa vida. A autora recorda con cariño e devoción o seu pai e o seu marido, e fala dos tempos vividos en Nova Jersey e Míchigan.
Amais da literatura e o café, outra das paixóns de Patti Smith é a fotografía, e o texto preséntase acompañado de máis de cincuenta instantáneas en branco e negro. Coa súa Polaroid perpetúa o recordo de obxectos que axiña converte en fetiche: desde a cama de Frida Kahlo, a tumba de Rimbaud (ao igual ca un servidor, Patti Smith adora visitar cemiterios), o bastón de Virginia Woolf ou a mesa de xadrez usada en 1972 por Boris Spaski e Bobby Fisher en Reiquiavik, na denominada partida do século. A escritora conta que chegou a coñecer ao propio Fischer, con quen rematou cantando cancións de Buddy Holly.
Unha das curiosidades desenvolvidas no libro é o gusto de Patti Smith polas series televisivas policíacas. Nas súas estancias en hoteis procura sintonizar canles onde as emitan, e en ocasións mesmo fai unha maratón de varios capítulos seguidos. De feito, chegou a participar como actriz secundaria na serie Law & Order: Criminal Intent, spin-off ambientado en Nova York da popular serie Lei e Orde.