Manuel Pérez Lourido
Repenicando por PontevedraViva
Repenicar é tocar con mestría un instrumento musical. Nada que teña que ver comigo. Eu só veño aquí a repenicar na súa primeira acepción: tanxer unha campá rápida e repetidamente e en sinal de alegría. Só que eu non teño campá e repenico neste teclado.
Teño algo que celebrar ademais da boa marcha deste periódico dixital e tal. Hai uns días souben que os traballadores de PontevedraViva mudaban de local para unha coqueta e luminoso peza en Michelena. O de “luminosa e coqueta” é literatura, porque aínda non fun por alí. Se cadra están metidos nunha cova infecta e eu sen decatarme. O que vai ser difícil é que teña tanta escaleira como a antiga sede, onde o Carabela. A primeira vez que me presentei alí cheguei arriba sen folgos. Abrín a boca e non era quen de falar, debinlles parecer parvo antes de entregarlles o primeiro artigo (despois despexáronse as dúbidas, como se o vira). Sospeitei (son moito de sospeitar) que aquilo era unha proba para coller só xente nova: a primeira selección xa se facía nas escaleiras da entrada. De feito, cando marchei, leveime da man a dous velliños que estaban apoiados nas paredes, mareados.
Brincadeiras aparte, síntome orgulloso do bo navegar de PontevedraViva, que ven de celebrar o seu cuarto aniversario e leva tamén camiño de catro anos acollendo as miñas trapalladas. Encantado de participar un anaco neste esforzo duns profesionais nun tempo abondo complicado. E así penso seguir, ata que me boten ou alguén me poñen diante unha cifra astronómica para levarme a outra parte. Eu xa aviso. As cousas claras e o chocolate espeso. E a ledicia tamén. Coma esta, que non había mellor xeito de compartir que así, repenicando.