Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'La saga-fuga de J.B.'
La saga/fuga de J.B. é unha novela do autor ferrolán Gonzalo Torrente Ballester. Foi publicada en 1972, e acadou o Premio Ciudad de Barcelona e o Premio da Crítica española. Está considerada como a novela de consagración do autor, e xunto con Fragmentos de apocalipsis (1977) e La isla de los jacintos cortados (1980) conforma o que se deu en chamar "triloxía fantástica", próxima ao realismo máxico do seu coetáneo Álvaro Cunqueiro. Aparece tratada a mitoloxía cristiá galega (o Corpo Santo, A Virxe da Barca, Santo André de Teixido, o priscilianismo), e conta tamén con elementos do Ciclo Artúrico.
José Bastida é o narrador da trama. Trátase dun profesor de gramática que chega destinado a Castroforte del Baralla, unha vila que está oculta polo aparello burócrata do estado, mais que é a capital dunha quinta provincia galega. A historia da comunidade social da cidade reflíctese a través de paralelismos entre personaxes de diferentes épocas, desde a súa creación na idade media até a actualidade, a mediados do século XX. Confórmase así unha saga de personaxes con iniciais J.B. que se preocupan de defender a identidade local, desde o bispo Jerónimo Bermúdez (alter ego de Diego Xelmírez) pasando pola época da contrarreforma, a guerra da independencia contra as tropas napoleónicas e o cantonalismo republicano.
A cidade de Castroforte del Baralla correspóndese con Pontevedra. Desde a creación dunha basílica por parte dun gremio de mareantes, até a configuración espacial do núcleo urbano, son diversos os elementos que identifican a vila, que aparece tamén na triloxía Los gozos y las sombras.
A novela ten unha fonda clave social e política. Está ambientada nunha posguerra tardía, que se corresponde coa década de 1950. Vive á marxe das liberdades nun duplo nivel: pola existencia da vila fóra do marco oficial, e pola vixilancia que a moral do nacinalcatolicismo exerce sobre a sociedade a través da igrexa. O protagonista é un antiheroe redentor, que foi represaliado e estivo detido varios anos na prisión de San Simón. Mais hai tamén espazo para o humor, cunha subversión do establecido a través da parodia e a libertinaxe, que ten o seu reflexo na propia presentación do texto: hai unha grande experimentación tanto léxica (invención de linguaxes) como estrutural (alternancia de discursos) e formal (presenza de cadros sinópticos, fórmulas matemáticas).
É significativo o texto do censor que leu a obra, que ben podería ser redactado por un burócrata kafkiano: «De todos los disparates que el lector que suscribe ha leído en este mundo, éste es el peor. Totalmente imposible de entender, la acción pasa en un pueblo imaginario, Castroforte del Baralla, donde hay lampreas, un cuerpo Santo que apareció en el agua, y una serie de locos que dicen muchos disparates. De cuando en cuando, alguna cosa sexual, casi siempre tan disparatada como el resto, y alguna palabrota para seguir la actual corriente literaria. Este libro no merece ni la denegación ni la aprobación. La denegación no encontraría justificación, y la aprobación sería demasiado honor para tanto cretinismo e insensatez. Se propone se aplique el SILENCIO ADMINISTRATIVO».
A novela foi traducida ao francés por Claude Bleton e ao portugués por Cristina Rodríguez e Artur Guerra, nos dous casos con prólogo de José Saramago. En 2011 saíu publicada esta edición crítica a cargo de Carmen Becerra e Antonio J. Gil González.
La saga/fuga de J.B. (Castalia Ediciones, 2011)
812 páxinas. ISBN 9788497402989