Ana López
Insultar no limbo
Sempre vin a internet como un xeito fabuloso de se expresar, de comunicar, ou, simplemente, de estar en contacto coas persoas ás que un día deixamos de ver porque nunca cumprimos aquilo de "temos que tomar un café!". Certo é que non son xente importantísima para nós, porque senón mal imos, pero si que te chegan a arrincar un sorriso cun simple "me gusta" no Facebook ou unha mensaxe polo teu cumpreanos no WhatsApp. Resulta que ao final nos conformamos con ben pouco.
Unha das miñas mellores amigas é bastante reacia a todo isto das redes sociais, polo que non está rexistrada en ningunha; por custar, ata me custou que comezase a utilizar os emoticonos no móbil. Agora que xa é toda unha experta nisto, quéixase de non poder votar as miñas colaboracións xornalísticas só as que lle gustan, que ela nunca abandonaría os seus principios, nin sequera por min, porque iso lle obrigaría a abrir unha conta no Facebook ou no Twitter. Ás veces, cando lle amoso ou leo algunhas das fotografías ou comentarios que pululan pola rede mostra o seu asombro non tanto polo contido en si, senón polas formas.
O outro día, sen ir máis lonxe, nun inofensivo grupo de amantes dos gatos en internet ao que me invitaran para compartir as fotos dos nosos animais; si, eu tamén teño o meu lado friki montouse unha ben gorda porque a unha rapaza se lle ocorrera facer un comentario en catalán. Como era de esperar, o que podería ter sido un debate correcto sobre o uso das linguas cooficiais nunha agrupación a nivel nacional convertiuse nun incómodo e agresivo intercambio de frases entre usuarios que poñía incómodo ao máis tranquilo, ata o punto de facer perigar a existencia do citado grupo, provocando ao final, que algúns o abandonaran entre eles eu e que outros foran expulsados del.
Isto ocorre tamén nas páxinas dos organismos oficias e mesmo nas das empresas privadas, nas que no canto de aproveitar esta vía tan útil como é a internet para facer aportacións, propostas ou críticas construtivas, con vistas á mellora, o que se remata é insultando, poñendo en entredito o traballo alleo de xeito aleatorio e ofensivo, incluso cando o que cuspe as palabras agraviantes non teña a mínima razón. Pero aí quedan, flotando nun limbo virtual e sembrando a discordia e a dúbida para os fins dos tempos.
Parece que o feito de estar tecleando detrás da pantalla dun ordenador, da táblet ou dun teléfono aporta esa fortaleza para escribir o que moitos nunca se atreverían a dicir en persoa. Mágoa que sexa dunha forma tan groseira.