Carmen Fouces
Gallardón é un mandado
Acabamos de asistir ao último acto dun teatro para engañabobos, que pretende convencer ao respectable que matando ao acomodador, o malo da historia vai transformase nunha cándida flor. O finado ministro Gallardón non é máis que o mandado do goberno, con Rajoy á cabeza e o exército de palmeros e palmeras detrás, onde podemos distinguir, alá polas última filas a Jacobo Moreira e seu esfarelado equipo.
Alguén no seu san xuízo pensa que se lle pode colar a todo un Consello de Ministro unha lei ca que non están de acordo? Nada máis e nada menos que no PP!!. Supoño que coincidiremos en que é imposible. O finado ministro foi o máis coherente cando explicou porqué marchaba, e con ese bondade que o caracteriza, deixou en evidencia a todo o seu partido e ao goberno en pleno .
Por unha banda, o programa electoral do PP recollía a reforma da Lei da interrupción voluntaria do embarazo e non creo que fose para facelo superficialmente. Estes cando reforman, reforman. Por outra banda, a lei está inspirada e recolle punto por punto o recurso que o PP ten presentado perante o Tribunal Constitucional á Lei vixente e QUE NON RETIROU NIN ANUNCIO QUE RETIRARÍA.
Sería absolutamente impresentable que reformaran a Lei sen ter en conta os argumentos do recurso, por iso non se entende que a xente se botara as mans á cabeza cando se soubo a letra do texto. Que esperaban? Incluso as concelleiras, alcaldes ou alcaldesas que, probablemente ben intencionadas, apoiaron as mocións que rexeitaban a contrarreforma. Basta ler un pouco o recurso para ver que ese é o auténtico programa do PP, por iso sorprende sorpresa.
Pero cando o cálculo electoral evidencia que estaba en risco a maioría absoluta, os dereitos do concebido pasaron a mellor vida e probablemente quedarán para outra ocasión. Mellor iso que pasar á oposición, diranlle aos bispos. En definitiva, por moito que espernexen, sabemos que aínda que poñan de cabeza de lista á cabra da lexión, van votar sen chistar. Sabémolo nós e sábeno eles.
O PP ten perfectamente deseñada a folla de ruta, como no podería ser doutro xeito, e irá filtrando pouco a pouco o que lle vaia interesando en cada momento, sen perder de vista as negociacións co PSOE que parece que van vento en popa. O seguinte acto xa está escrito, agardamos o estreo, pero deben tomar nota que a resposta será contundente e organizada, como foi a loita que nos levou até aquí, e se temos que volver colgar as pancartas do balcón do Concello co alcalde ao frente, que ninguén dubide que o volveremos facer.