Manuel Pérez Lourido
Reality na cociña
Están de moda os realities na televisión. Levan así un par de décadas, calculo. Gústanos ver aos demáis pintando a mona porque fan coma de espello das nosas miserias e das nosas glorias.
Teño visto algúns sobre cociña. Dentro destes hai un subxénero que é como o da Supernanny pero con restauradores: tes un restaurante que vai mal e chamas a un afamado chef para que che bote unha man. Ao pescozo. Ao principio bótacha ao pescozo. O guión é sinxelo e repítese en todos os países:
- O chef famoso chega alí, observa o chollo, faise cruces, menea a cachola (outras veces primeiro menea a cachola e despois faise cruces) e colle aire.
- O de coller aire é para, acto seguido, empezar a berrar coma un tolo ou coma un descosido, ou coma un tolo descosido contra o tipo que o chamou, poñendoo a caer dun burro por como ten o restaurante, por como o leva, por como ten aos empregados, por como se afeita, e por canta cousa se lle veña en gaña criticar. Lévanse os chefs aos que se lles inflan as veas do pescozo neste trámite.
-Cando remata o chef, o tipo do restaurante marcha a outro lado con cara de vinagre e esbardalla contra o chef un pouco e dalle patadas a un can que se lle cruza diante porque o soltan os de producción. Os da defensa dos animais están que trinan con estes shows.
-Pasado este punto álxido e traumático, o xefe do restaurante amósase disposto a seguir as indicacións do chef con malas pulgas, mentres vai matando as súas sen ter que facelo a patadas cos cans.
-Os empregados do restarante, no fondo encantados de sair na tv, aceptan entusiasmados que son uns prosmas e uns lacazáns e comprométense a cambiar polo bo nome do restaurante.
-Planos e planos do proceso de cambio nas tarefas do restaurante, a cousa comeza a ir ben e o chef e o restaurador comezan a falarse coma persoas.
-Conforme se achega o final as cousas melloran máis e máis, todo está máis limpo e faise con máis xeito, a cociña funciona coma un reloxo, os clientes fican satisfeitos e comeza a soar de fondo o I will always love you de Whitney Houston.
-O programa remata cun sorriso pintado na faciana do restaurador e unha expresión na do chef de "xa cho dicía eu". En segundo plano, os ex-lacazáns dos empregados sorríen coma os 7 enaniños pola felicidade de Blancaneves, ou era a Bela Durminte?. Xa nin sei.