Teresa Casal
A fidelidade non ten premio
Esoutro día un amigo contoume algo que lle pasou cun canle privado de televisión. Levaba mais de 20 anos aboado a ese canle e de repente, estragouse e non podía ver o fútbol, o principal motivo polo que pagaba ese servizo. Chamou a empresa e viñéronlle ver que pasaba. Polo visto, movérase a antena e, como xa era antiga, houbo que andarlle un pouquiño nuns arames, e listo. O mesmo rapaz que lle fixo o apaño e lle cobrou case 50 euros polos escasos cinco minutos que estivo alí, díxolle que si volvía pasar, se dera de baixa e a semana seguinte volvera darse de alta e, como entón trataríase dun contrato novo, poñeríanlle gratis unha antena nova e moderna, sen risco de que estragase por limpala.
O importante, pois, non era o tempo que levaba sendo un aboado fiel e pagador, senón ser un novo aboado.
Este conto fíxome pensar que hoxe en día o que se premia é todo o contrario da fidelidade.
Os Bancos anuncian machaconamente os beneficios que te reportará deixar a túa sucursal de toda a vida e domiciliar a túa nómina ou pensión (se tes a sorte de ter unha ou outra) na entidade anunciadora: rendibilidade, agasallos, mesmo devolución de porcentaxes sobre os recibos domiciliados.
As compañías de seguros outro tanto do mesmo, e as subministradoras de enerxías (luz, gas, etc.) tamén, e non digamos as operadoras de telefonía móbil, todos eles chámante continuamente ó teléfono fixo ou móbil, mándanche suxestivas ofertas por correo, por internet e por todos os medios, que son case infinitos, para que te decates de que es autentico gilipollas por permanecer fiel os teus subministradores, provedores, aseguradores, e toda esa cantidade de servizos que parece que hoxe en día son imprescindibles para a vida cotián.
Eu estou pensando que o mellor debería haber ofertas tamén para cambiar de marido ou muller, de fillos, de sogros, de cuñados e mesmo de amigos. Sería estupendo que cada pouco tempo atoparas na cama outro home mais novo, mais guapo, mais agarimoso, e cambialo cando houbera unha oferta mellor, porque, claro, si estás moito tempo co mesmo xa perdes os beneficios que te ofreceron por cambiar, así que haberá que estar a cambiar seguido.
Venme a memoria cando ia coa miña nai de compras e ela escondía a bolsa ou o paquete que identificaba unha tenda si ia entrar noutra que vendía o mesmo tipo de xénero, a min parecíame unha bobada, pero ela dicía que non quería facerlle un feo o comerciante do que era cliente de toda a vida.
Xa sei que todo cambia co tempo, non penso que "calquera tempo pasado foi mellor", pero hai cousas que sí, non deberían cambiar. O lóxico sería que teu Banco, co que levas traballando toda a vida, premiase a túa fidelidade e te ofrecese os agasallos que garda para os novos clientes, que a luz fora mais barata canto mais tempo levases coa mesma compañía, que mesmo os canles de televisión gratificasen a túa fidelidade a un programa, un concurso ou unha serie, deixándoche intervir nalgún deles. Na miña casa levamos anos e anos vendo todos os días Saber y Ganar, e aínda non nos invitaron nunca a participar no programa con preguntas faciliñas para recompensar a fidelidade de ver cómo se produce o misterio de que Jordi Hurtado teña a mesma pinta de hai un montón de anos e o único que lle cambia son os lentes que, seguro, lle las regalan por aparecer cada dia cunhas distintas.
30.11.2012