Elena Varela
Son malos tempos para as mulleres reais
"De moza eu era delgadísima e estaba farta de que me chamasen "plana", "palillo", "palo seco" Logo crecín e coa madurez apareceron as miñas curvas: os meus peitos, a miña cintura, os meus muslos aquilo que tanto ansiara ter.
E resultou que cando pensei que a sociedade me aceptaría, as curvas xa non estaban de moda e pasaron a chamarme "foca", "vaca", "talla grande" ao parecer agora estaba demasiado gorda. Foi aí cando me decatei de que me importaba un carallo o que o mundo pensase do meu corpo. Que á única á que lle tiña que gustar, era a min."
Estas palabras son verídicas pero por desgraza, non son inusuais. A presión estética á que estamos sometidas as mulleres é brutal, non tanto por cantidade coma por normalidade. Cando algo deixa de ser estraño para unha sociedade é cando realmente hai un problema.
Vivimos nun mundo no que os trastornos alimenticios, como a bulimia e a anorexia, esnaquizan as vidas de miles e miles de adolescentes. E aínda así, seguimos coas etiquetas que tanto nos gusta poñer, malia non saber absolutamente nada da vida e da situación desa persoa. A publicidade e a moda levan anos cosificando ás mulleres e utilizando o seu corpo como reclamo publicitario. Os retoques e todo tipo de artimañas levadas a cabo por programas informáticos, construiron a imaxe dunha muller irreal pero á que inexplicablemente, a sociedade lle deu o visto bo.
Falo de rostros sen engurras, de pernas máis estreitas que brazos e de cinturas prácticamente inexistentes. Como vai ser o normal isto? Como podemos seguir promovendo isto, coa de nefastas consecuencias que estamos a ver?
A presión estética é unha forma máis de dominar ás mulleres, que provoca miles de mortes ao ano. E todo por intentar encaixar na casilla que o patriarcado edificou. Ademais, aquelas que non pasan polo aro, aquelas orgullosas dos seus corpos, das súas curvas e da súa naturalidade, son as que máis mal vistas están. Porque o machismo non pode comprender que unha muller posúa a fortaleza suficiente como para enfrontarse aos tantísimos prexuízos e estereotipos que predominan nesta inhumanidade.