VIDEO.- Marea Pontevedra navegou polo espazo que reivindican como "Praza do Mar"
Por Oskar Viéitez
A candidatura de Marea Pontevedra navegou este sábado polo espazo que reivindican como "Praza do Mar", avalada polo arquitecto César Portela, para establecer a comunicación entre a Boa Vila e a ría.
Convidados polo club de piragüismo Ciudad de Pontevedra, visitaron as súas instalacións e puideron comprobar de primeira man a precariedade das dependencias nas que adestran case un centenar de piragüistas.
O candidato á Alcaldía por Marea Pontevedra, Luís Rei comprometeuse nun novo goberno da cidade "a actualizar as subvencións aos clubs deportivos e a abonalas en tempo, corrixindo a actuación do actual goberno do Bloque de Lores que arrasta unha débeda de varios anos co deporte de base da nosa cidade".
Remataron a visita cun paseo polo río Lérez en dragón boat, timoneados polo presidente do club, con quen puideron compartir "a que seguro será unha das mellores xornadas desta campaña electoral", dixeron.