'Mini-mitin' do PSdeG-PSOE na Oliva para falar "cara a cara" cos pontevedreses
Por Redacción
Unha caixa de cervexa Estrella Galicia como podio para falar coa xente. Foi a única infraestrutura que usaron este xoves os membros da candidatura do PSdeG-PSOE para dar un ‘mini-mitin’ na céntrica rúa da Oliva. Con el, quixeron poñer en valor a campaña "diferente" que están a protagonizar de cara a estas eleccións, na que se están a involucrar numerosos simpatizantes e militantes do partido.
A carón das oficinas de Correos, o candidato á Alcaldía, Agustín Fernández, protagonizou un acto sinxelo de apenas un cuarto de hora no que explicou o contido do folleto coas 41 medidas que propoñen para gobernar Pontevedra.
Agustín Fernández enxalzou o esforzo dos socialistas ao longo destas últimas semanas por difundir o seu programa electoral. O folleto, indicou, foi repartido "porta a porta" e "man a man" por un gran número de militantes do partido, "que teñen feito un esforzo ímprobo". Engadiu que se repartiu polo centro, por todos os barrios e polas 15 parroquias do municipio.
"Creo que, a día de hoxe, a maior parte dos pontevedreses xa saben o que propoñemos", sinalou o candidato socialista. Pola contra, criticou, "hai outras candidaturas que se acordaron de que non tiñan programa electoral catro días antes das eleccións, xa que preferiron esforzarse en contar un conto e decatáronse tarde. Son xente, dixo, que "vive do pasado, das lembranzas e que non ofrece nada novo".
Pola outra banda, engadiu, "hai outros que imprimiron un libriño moi bonito, de papel couché, pero que carecen de credibilidade porque todo o mundo sabe que só actúan aos ditados dos seus xefes en Santiago ou Madrid".
Fronte a eles, asegurou que o PSdeG-PSOE ten un proxecto para Pontevedra, "unha alternativa de esquerdas plural e aberta e unhas ganas enormes de sacar o noso programa adiante".
Relacionadas:
-
Agustín Fernández asegura que se Pontevedra ten alcalde socialista, "no prazo dun ano, disporá dun novo PXOM"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O socialista Tino Fernández acode a Xuntos para presentar as súas políticas sociais
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |
-
O PSOE reivindica o seu papel como "gran transformador" da cidade e pide apoios para "botar" ao PP da Deputación
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Agustín Fernández promete 'mimar' á hostalería, un piar "importante" do turismo na cidade
Por Alejandro Espiño |