Un acto festivo en lugar da pegada de carteis, primeira proposta do BNG para unha campaña alternativa
Por Redacción
Antes do inicio oficial da campaña, o xoves 7 ás 22.15 horas, a Praza da Peregrina acollerá un acto festivo que xuntará política, reivindicación cultural e festa. É a fórmula escollida polo BNG para presentar dez candidatos da provincia ás eleccións municipais no arranque da campaña. Os nacionalistas decidiron evitar da tradicional pegada de carteis ao entender que xa carece de sentido.
Este acto festivo prolongarase ata a media noite e será conducido polo músico e escritor Xurxo Souto coas actuacións de Mini e Mero, Os Tres trebóns e os regueifeiros Josiño da Teixeira e Bieito Lobariñas. Os dez candidatos que participarán neste acto serán os de Moraña, Caldas, Barro, Poio, Cotobade, Vilaboa, Ponte Caldelas,Soutomaior, Marín e Pontevedra
Carme da Silva e César Mosquera presentaron os eixes principais desta campaña durante a mañá deste sábado 2 de maio que se centrarán en máis activismo social, actuacións pouco convencionais e cun talante positivo para evitar descualificacións e "discusións tabernarias", segundo explicou Mosquera. Están previstos dous mitins en Pontevedra, o día 8 en Monte Porreiro e o 15 de maio na cidade, pero a maioría da campaña centrarase en manter encontros cos veciños.
A campaña do BNG tamén se verá condicionada pola cita internacional en Nova York para recoller o premio polo modelo de cidade. Ata alí viaxará o alcalde de Pontevedra, do 9 ao 13 de maio, acompañado polo enxeñeiro municipal. Tamén foron invitados, nas últimas horas, a un foro na Facultade de Medicina de Nova York. Debido a este desprazamento, César Mosquera indicou que se incrementarán os encontros e as actividades alternativas de Miguel Anxo Fernández Lores os días previos á marcha.
Relacionadas:
-
Comezo festivo para a campaña electoral dun BNG que confía no tirón electoral de Lores
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
O BNG exhibe 'músculo' para as municipais xuntando unhas 2.000 persoas no Recinto Feiral
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Pontevedra comparte palmarés en Nova York con Estambul e nove proxectos estadounidenses
Por Redacción |
-
O modelo urbano de Pontevedra dá o salto a Nova York cun novo premio internacional
Por Alejandro Espiño |