Moreira considera unha "falta de respecto" as críticas vertidas por Marea Pontevedra a Ana Isabel Vázquez
Por Oskar Viéitez
O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Pontevedra, Jacobo Moreira considera unha "falta de respecto" as críticas vertidas por Marea Pontevedra cara ao labor levado a cabo pola deputada provincial e concelleira en Pontevedra, Ana Isabel Vázquez.
Refírese o PP nun comunicado ás declaracións feitas este martes polo historiador Xosé Fortes nun acto no que mostrou o seu apoio á candidatura de Marea Pontevedra e no que arremeteu duramente contra Ana Isabel Vázquez, a quen atribuiu unha "política criminal" á fronte do departamento de Cultura da Deputación Provincial, coa que asegurou que "destruiu o Museo de Pontevedra".
"Se o insulto doado é a fórmula que vai empregar esta formación, non deberían molestarse en falar. En política debemos ser serios, e esta faceta de insultar xa a domina Lores dende hai moitos anos", advertiu este mércores Jacobo Moreira.
Para o candidato popular "Marea actúa de este xeito para chamar a atención", pero quere deixarlles claro que nin el nin a formación que encabeza "responderemos ante os insultos", matizou.
Jacobo Moreira pide seriedade aos representantes de Marea Pontevedra e que "en lugar de facer teatro aposten por ideas novas que permitan cambiar a deriva á que está sometida Pontevedra".
"Marea apareceu como unha alternativa á política de Lores, pero aos poucos días de presentarse xa deixan ver que son da mesma escola que o actual rexedor ao empregar o insulto como argumento", sinalou o candidato popular. "Pontevedra non necesita máis políticos que insulten senón políticos que escoiten aos cidadáns", sentenciou Jacobo Moreira.