Podemos Cambiar Galicia fai campaña en Pontevedra
Por Redacción
Os integrantes da candidatura Podemos Cambiar Galicia para optar a liderar Podemos na comunidade autónoma deron a coñecer este mércores o seu proxecto en Pontevedra reivindicando que as prioridades que marcarán o rumbo a seguir serán a recuperación da protección social e a creación de emprego e a recuperación para o pobo galego da soberanía na sanidade e na educación, para que sexan os galegos os que decidan como xestionalas.
O salón de actos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra foi o escenario escollido para a presentación de Ana Sánchez como candidata á secretaria autonómica e dos candidatos ao consello autonómico e representantes do municipio de Pontevedra, que serían Maika Ferreño, Marcos Cal e Iván Urtaza. Trátase da candidatura menos oficialista e máis apartada do líder estatal, Pablo Iglesias e en Pontevedra conta co respaldo de Podemos Boa Vila.
Logo do acto, dende Podemos Boa Vila defenderon que Podemos Cambiar Galicia é "a única candidatura feita dende as bases de forma participativa, transparente e plural". Participativa, porque se invitou a participar a todos os círculos de Galicia. Transparente, porque se fixo á vista de todo o mundo. Plural, porque debaten e consensúan un proxecto xente con diversidade de pensamentos.
Entre as características da súa proposta de organización destacan que crearon dous órganos que devolven aos círculos o poder que lles corresponde como base que son e sustentan Podemos. "Isto é importante e diferencianos de todas as demais candidaturas", indican. Estes dous órganos son o Consello Consultivo Territorial e o Consello Consultivo Sectorial.
A campaña electoral deste proceso autonómico comezou o 26 de xaneiro e durará ata o día 8 de febreiro, sendo a partir do día 9 de febreiro ata o día 13 do mesmo mes, a marxe de tempo establecido para que os inscritos en Podemos de toda Galicia poidan votar a candidatura que consideren oportuna. O 14 de febreiro publicaranse os resultados da votación e proclamación do secretario xeral, así como os compoñentes do Consello Autonómico de Podemos en Galicia.