Marcos Fontán: "Podemos permíteme canalizar a miña indignación para facer deste país outra cosa diferente"
Marcos Fontán ten 34 anos. Este enxeñeiro industrial no paro é, dende este venres, o secretario municipal de Podemos en Pontevedra. Pero el insiste en que tan só é un máis dentro do partido que dirixe Pablo Iglesias. "Nós apostamos polo traballo en equipo", asegura varias veces durante a súa entrevista en PontevedraViva. O seu obxectivo, cambiar a forma de facer política e facer visible á formación na cidade.
"Queremos que os cidadáns participen nas decisións que lles afectan e que os colectivos implicados en cada situación teñan a súa voz", afirma. Esa é unha das principais diferenzas que Podemos, explica, cos gobernantes actuais, "uns señores que nos levaron a un camiño en picado a non sei onde". E teno claro: "como di Pablo Iglesias, se tanto nos critican, algo estamos a facer ben".
Contentos polo resultado deste proceso constituínte en Pontevedra?
A sensación que temos é a dun traballo en equipo ben feito. ÿ certo que somos poucos, somos once, pero hai moita xente colaborando connosco e moito deste mérito é de todas esas persoas que están detrás, achegando o seu tempo e o seu traballo para que isto saia adiante. Estamos contentos, aínda que recoñezo que a participación foi baixa. Conseguimos que nas ceas se falase de Podemos, pero non que abrisen o ordenador e votasen. Aínda así, este primeiro paso permitirá nun futuro que a xente poida inscribirse de forma presencial, o que abrirá aínda máis Podemos para trasladar este proxecto á cidadanía.
A partir de agora, cal será o voso obxectivo?
Podemos ten un ano. Todo o mundo pide solucións a Pablo Iglesias e ao seu equipo, que son a imaxe pública que temos. Pero o máis apaixonante que temos por diante é facer patente e latente ese proxecto nas cidades. Date conta que son 770 estruturas a este nivel en todo o país. Temos que posicionar a Podemos na cidade, non só levar a mensaxe que veña da estrutura xeral, senón facernos visibles no noso ámbito territorial. Temos que conseguir que nos acepten.
Non o fixeron xa?
Pontevedra, sen ser a cidade máis grande de Galicia, somos o círculo de Podemos con maior número de seguidores de Facebook, moi por enriba de cidades como A Coruña ou Vigo. Temos preto de 600 inscritos e, por suposto, temos xa unha gran repercusión. Eu fundaméntoo en que somos cabeceira de comarca. Séguennos moitos cidadáns de Pontevedra, pero tamén de Barro ou Sanxenxo, por exemplo, aos que lles interesa o que pasa na cidade. Todo iso repercute no seguimento do noso círculo.
"Temos que posicionar a Podemos na cidade, non só levar a mensaxe que veña da estrutura xeral, senón facernos visibles no noso ámbito territorial"
Que cres que achega Podemos á escena política local de Pontevedra?
A achega fundamental é dar visibilidade a determinados colectivos. Pola inmediatez de todo este proceso non tivemos tempo de dirixirnos a eles, pero grazas ao traballo que algúns de nós estamos a facer dentro de Marea Pontevedra, hai un fluxo de información que nos permite coñecer a realidade de moitas situacións e colectivos da cidade. A partir de agora, teremos que posicionarnos.
Esa é unha das críticas recorrentes cara a Podemos, que non explicades a vosa postura en temas concretos, como resolveriades determinadas problemáticas.
Esixir respostas concretas á problemática da cidadanía require un traballo, unha reflexión interna e diferentes posicionamentos. Como facelo?, un exemplo é ENCE. Organizamos conferencias nas que se abordan diferentes puntos de vista sobre a situación da ría e, a partir aí, tomaremos partido. Hai que madurar as cousas. Que os cidadáns teñan conciencia da súa realidade, que non se limiten a dicir gústame ou non me gusta.
Citabas Marea Pontevedra, coa que vides colaborando, significa iso que non vos presentaredes ás eleccións municipais?
Como partido non. A título particular estamos a participar na Marea e nos próximos días elaboraremos un posicionamento, tras debatelo na asemblea cidadá. Cada persoa terá a liberdade de posicionarse e decidir que queren facer e a quen van apoiar. O noso proceso asembleario non debe coartar a liberdade da persoa. Outra cousa é que o colectivo, posicionado e cunha idea madurada, decida ir con esta xente e poñer os nosos recursos á súa disposición, facendo que membros de Podemos acompañen a constitución da Marea.
Ademais de secretario municipal, Podemos conta a partir de agora cun consello cidadán. En que consiste?
ÿ un consello paritario, consensuado na súa definición e que aposta por un claro concepto político e organizativo do traballo. Pero, máis que nada, se analizas os nosos perfís é unha lectura da nosa realidade. Eu, por exemplo, son un rapaz no paro. Eu non omito a miña busca de traballo para ser unha persoa digna. O feito de estar en Podemos, o que me dá é poder canalizar a miña indignación persoal ou a miña vocación social para poder facer deste país outra cousa diferente ao que estes señores nos levaron.
Pero que vos diferencia das estruturas organizativas doutros partidos?
Somos máis participativos. O noso sistema, a diferenza doutros, non pasa por unha cota económica, non temos carnés... non temos obrigas. ÿ certo que ao mellor esta estrutura está afastada un pouco da horizontalidade, pero a estratexia actual lévanos a esa necesidade. Temos a obriga e necesidade de aproveitar o 2015, o ano do cambio. Este ano é para sumar esforzos. Hai que abrir esta confluencia, deixar moito de lado e dar solución ao 80% dos problemas da sociedade, xa haberá tempo para o outro 20%.
Cales van ser os vosos pasos a partir de agora?
"Nós estamos a falar dunha apertura total, de que os cidadáns participen nas decisións que lles afectan e que os colectivos implicados en cada situación teñan a súa voz"
Temos o reto, ao igual que a nivel autonómico en cuxo proceso constituínte tamén participaremos, de seguir trasladando o proxecto Podemos a toda a sociedade civil. Temos que achegarnos a representatividades que, pola súa bagaxe, teñen ADN Podemos como colexios profesionais, autónomos, avogados, arquitectos... Que nos vexan non só nas redes sociais ou os medios onde está Pablo Iglesias. Queremos demostrar que non somos comunistas que comen nenos. Somos unha participación cidadá real, implicada nos problemas da xente.
Dende Pontevedra, como vedes os ataques que, tanto dende a dereita coma dende a esquerda, recibe Podemos?
Son ataques gratuítos. Somos pequenos, acabamos de nacer. Somos un bo obxectivo para ataques masivos. Pero como di Pablo Iglesias, se tanto nos critican será que algo estamos a facer ben. Somos un novo xeito de facer as cousas. Imos pelexar contra os sistemas locais. Non lle dicimos á xente o que quere oír, senón o que necesita oír. E necesita oír esperanza, pero sobre todo solucións aos seus problemas. Non somos uns iluminados que traemos aquí a panacea. A solución está na xente. Saben o que necesitan e temos que colaborar con eles.
E a nivel local, como vedes o concello?
Vivimos nunha cidade na que o alcalde declara que aínda que se reúna 20 veces cun colectivo social non vai cambiar de opinión. Todo iso aderezado coa transparencia coa que nos deleita, xunto co presidente da Deputación: sobrecustos de Pasarón, planta compostaxe... Habrá que analizar se todo é tan transparente como debera ser. Temos que estar por enriba de todo iso e da negatividade de xente que leva tantos anos nesas posicións.
Dicía Lores recentemente que Podemos non achega nada novo, nin no seu discurso nin no seu modelo asembleario...
Eu como veciño participei nalgunha asemblea aberta e só che digo que habería que ver o sentir da xente sobre ese invento chamado consellos parroquiais. Pero máis alá diso eu non vexo a Lores baixando á rúa polos crematorios ou coas marchas da dignidade, non hai un apoio social máis alá da Redeaxuda, por certo, idea do 15-M no seu día.
Que achegou este concello dende a esquerda? Unha cidade bonita e moitos premios, perfecto. E o rural, por exemplo? Me preguntas se o seu discurso é o noso, eu creo que non. Nós estamos a falar dunha apertura total, de que os cidadáns participen nas decisións que lles afectan e que os colectivos implicados en cada situación teñan a súa voz. Esta política aberta ao cidadán estaa a cumprir o BNG na cidade? Eu creo que non.
Relacionadas:
-
Podemos Cambiar Galicia fai campaña en Pontevedra
Por Redacción |
-
Podemos quere ter máis información para aceptar ou rexeitar a presenza de ENCE en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Marcos Fontán, elixido secretario municipal de Podemos en Pontevedra
Por Redacción |
-
Os "adanes" de Podemos e outras perlas do patriótico brinde pontevedrés de Mariano Rajoy
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
'PontevedraPode' presenta a súa candidatura a dirixir a estrutura local de Podemos
Por Diego Espiño |