Pontón pide encher as urnas de votos ao BNG porque o cambio "está a unha presa de votos"
Por Alejandro Espiño
Para Ana Pontón o cambio político en Galicia "está a unha presa de votos". De aí que aproveitara este martes para pedir unha mobilización masiva o próximo 18 de febreiro que permita "encher as urnas" de votos ao BNG para "facer historia".
Pontón mostrouse convencida de que o cambio "é imparable" porque cada día percibe como aumenta a "corrente de ilusión" cara o BNG, nos actos, nos mitins, nas redes sociais e na rúa.
"Cada día son máis as persoas que miran para nós coa esperanza de abrir un tempo novo", explicou a candidata nacionalista, que fixo un chamamento para que "ningún voto do cambio quede na casa, porque está ao alcance da man empezar a construír unha Galicia en grande".
A líder nacionalista cre que miles de persoas collerán por primeira vez a papeleta do BNG para situar na Xunta a unha presidenta "coas mans libres para defender os intereses do país", xa que insistiu en que "ninguén me vai poñer límites á hora de defender Galicia".
Galicia necesita, segundo Ana Pontón, "deixar atrás o nefasto legado de quince anos do PP" e facelo co BNG á fronte do goberno porque "nos vai ir moito mellor". A este respecto, pediu aos galegos e ás galegas "a oportunidade de demostralo".
Indicou que o 18 de febreiro só hai dúas alternativas, "ou seguir ancorados no pasado co PP e Alfonso Rueda, o mesmo que deixa unha Galicia máis pequena, ou abrir un tempo novo cunha presidenta nacionalista capaz de mellorar a vida das persoas".
Disto é do que van estas eleccións, recalcou, "non van das batalliñas madrileñas, non van de crispación, non van dun premio de consolación para Feijóo ou dunha reválida de Sánchez. Estas eleccións van dos galegos e das galegas".
O PP, sentenciou Pontón, "está nunha carreira de ataques contra o BNG usando a mentira e a manipulación nos medios públicos", pero defendeu que "imos ben, imos moi, moi ben e nin todas as mentiras do PP van poder parar un cambio que é imparable".
Relacionadas:
-
"Non lles vou fallar", promete Ana Pontón aos galegos que apoien o "gran cambio" en Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
Ana Pontón invita a todas as galegas a "entrar comigo pola porta" da Xunta de Galicia
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
A patronal galega ve "amigables" as propostas económicas e industriais de Ana Pontón
Por Alejandro Espiño |
-
Pontón promete "o mellor goberno de todos os tempos" e advirte que "o cambio é imparable"
Por Alejandro Espiño |
-
Ana Pontón ve abertas as eleccións cun resultado que dependerá de que os indecisos "collan a papeleta do BNG"
Por Diego Espiño |
-
Ana Pontón chama á mocidade a "rebelarse" o 18F "para pelexar e defender un futuro mellor"
Por Diego Espiño |