Convincente vitoria do Pontevedra sobre o Céltiga
Por Ramiro Espiño
Pouco fixo falta para saber que o Pontevedra que saltou a Pasarón nada tiña que ver co que actuou sete días antes en Negreira. Bastaron uns minutos e os afeccionados atopáronse cun equipo pleno de ganas, velocidade, ambición e momentos de bo xogo. Ben é verdade que ao Céltiga, que viña coa vitola de invicto, hai que agradecerlle as "facilidades" concedidas, así como o seu xogo limpo, sen dar nin unha sóa patada, pero tamén o é que en partidos como este un sempre se queda coa dúbida de si o vencedor fíxoo tan ben por méritos propios ou pola endeblez do rival.
O certo é que os granates foron a por o partido dende o pitido inicial, impoñendo un altísimo ritmo á circulación de balón e practicando un fútbol combinativo, de constantes apoios, que nunca logrou contrarrestar o conxunto isleño, a mercé durante todo o choque, pero moi especialmente nunha primeira metade na que houbo moitas cousas positivas para os locais.
A mobilidade de Stefan e Santi Domínguez desequilibra a defensa de A Illa
A mobilidade de Stefan e Santi Domínguez. A súa facilidade para sacar de zona ou romper a orde nas liñas visitantes. O bo facer e constancia de Tubo e Jacobo (por fin preto do xogador da pasada tempada), unida á consistencia da zaga, cun Cristóbal entonadísimo e un Pablo que crece a cada xornada, foron demasiado para un Céltiga que fiaba as súas posibilidades de puntuar en que Eric, individualista en exceso, cazase algún balón solto.
Os goles de Santi e Stefan, este axudado polo fallo garrafal do meta visitante, parecían encarrilar o partido, pero un erro de Lorenzo, arriscando e cometendo un penalti innecesario, volvía meter ao Céltiga no choque. Pouco durou a ilusión dos da Illa. Tubo culminaba un gran centro de Santi Domínguez para irse ao descanso coa tranquilidade que dá un marcador tan favorable e a sensación de que aquilo era xa demasiado lastre para os insulares.
Para a reanudación quedaba un novo tanto, nun gran lanzamento de falta de Santi Domínguez, tan ben executado como mal intuído polo guardameta, que se comeu o disparo polo pau que debía tapar. Aí pechábase o choque. Aínda que os dous equipos seguiron buscando as áreas, o ritmo decaeu considerablemente e as ocasións claras de perigo tamén. Tempo para que Milo dese minutos aos menos habituais ata agora (debut de Nano, tempo para Richi e minutos para recuperar a Fran Fandiño) e tempo tamén para que os afeccionados paladeasen unha vitoria sen agobios, algo por desgraza pouco frecuente nos últimos tempos en Pasarón.
PONTEVEDRA, C.F.: Lorenzo (1); Cristóbal Juncal (2), Sestelo (2), Pablo (3), Adrián Gómez (2); Iago Paz (1), Moisés (1); Tubo (2), Santi Domínguez (3), Jacobo (2); Stefan (3).
Sustituciones: Min. 73: Richi (1) por Santi Domínguez. Min. 81: Fran Fandiño (1) por Stefan. Min. 84: Nano (s.c.) por Jacobo.
CÿLTIGA, C.F.: Vila (0); Janeiro (2), Carlos (1), Unai (1), ÿscar Rio (1); Beni (1); Rubén (1), Antonio (1), Groba (2), Berto (1); Eric (1).
Sustituciones: Min. 64: Josiño (1) por Beni e Jacinto (1) por Antonio. Min. 84: Javi (s.c.) por Rubén.
Árbitro: Botana Rei, auxiliado nas bandas por Rodríguez Pérez e Rosende Porta (Santiago). Amonestou a Lorenzo, ÿscar Río e Beni.
Goles: (1-0) Minuto 22. Santi Domínguez culmina unha longa xogada tras un centro de Tubo. (2-0) Minuto 27. Stefan de disparo raso dende a frontal do área que se lle escapa a Vila. (2-1) Minuto 29. Penalti cometido por Lorenzo sobre Rubén que transforma Janeiro, enganando ao meta granate. (3-1) Minuto 34. Centro de Santi Domínguez que roza Stefan e remata Tubo a pracer no segundo pau. (4-1) Minuto 58. Santi Domínguez de falta directa dende a coroa do área, que se cola xunto ao poste polo lado do porteiro.
Incidencias: Pasarón. Algo máis de 2.000 persoas nas gradas, con presenza de numerosos afeccionados da Illa. O Céltiga volvía ao terreo granate en partido oficial logo de case trinta anos.
VESTIARIOS:
Manolo Núñez: O técnico isleño non tivo reparo en recoñecer a superioridade do Pontevedra e a xustiza do triunfo local: "Eles foron moi superiores, sobre todo na primeira parte, creando moitas situacións de perigo por dentro. O resultado é o suficientemente contundente e claro para saber que equipo mereceu gañar". Núñez quixo restar importancia ao erro do seu porteiro que lle custou o segundo gol: "Non quero individualizar erros. Cando gañamos, gañamos todos e cando perdemos igual. Iso si, teño que admitir que ese gol foi clave para o desenlace do partido". O adestrador visitante quixo destacar malia a abultada derrota o esforzo do seu equipo: "Nunca demos o partido por perdido e de feito penso que na segunda parte equilibramos bastante o xogo, e ata merecemos marcar polo menos un segundo gol".
Milo Abelleira: Cara de satisfación, aínda que sen euforias a que tiña o adestrador granate, que eloxiaba a actuación de moitos dos seus homes: "Stefan e Santi conseguiron desequilibrar cos seus movementos a defensa do Céltiga e Jacobo foi o de tempadas anteriores, o xogador que coñecía e que viña seguindo. De todos os xeitos debemos seguir tendo humildade para competir en cada partido". A pesar do resultado abultado, Milo sinalaba que había aínda aspectos a corrixir: "As veces asumimos riscos innecesarios en zonas perigosas, como o balón que perdeu Moisés ao final e que case nos custa un gol. Son aspectos que debemos coidar para evitar desgustos". Para o técnico granate, a clave estivo en anular os puntos fortes do rival: "Tapamos ben a Antonio e non lles demos opcións por banda, aspectos nos que se mostraban moi perigosos ata agora. Estou satisfeito porque con este tipo de partidos crece a confianza do equipo".