O Pontevedra despide o adestrador Antonio Fernández
Por Manu Otero
A 72 horas de xogarse boa parte das opcións de permanencia en Primeira Federación, a directiva do Pontevedra tomou a decisión de despedir ao seu adestrador, Antonio Fernández Rivadulla.
O club acábao de facer oficial a través dun comunicado emitido pasadas as 21.30 horas, despois de que os rumores levasen horas percorrendo as redes sociais e os grupos de diferentes aplicacións de mensaxería instantánea.
No comunicado confirman o cesamento de Antonio Fernández pero non desvelan quen adestrará ao equipo a partir de mañá.
O técnico nado en Ourense pero afincado na Boa Vila chegou este verán, a poucos días de comezar a pretemporada e cun equipo practicamente pechado, para dirixir a un conxunto recentemente ascendido cun plantel integrado practicamente na súa totalidade por xogadores procedentes de Segunda Federación.
Aínda que o inicio foi esperanzador e o xogo durante boa parte da tempada agradou á inchada granate, os resultados non acompañaron ao longo da primeira volta e o equipo atópase afundido en postos de descenso, a catro puntos da permanencia.
Nin as boas sensacións ofrecidas en Copa del Rey, eliminando ao Tenerife e poñendo contra as cordas ao Mallorca, serviron para reconducir o rumbo na liga. O novo ano chegou con dúas derrotas consecutivas ante rivais directos que acabaron por desencadear o cesamento do técnico.
O estraño son as circunstancias nas que se produce. Se se trata dunha decisión estritamente deportiva, o habitual é cesar ao técnico inmediatamente despois da derrota para ter o maior tempo posible para preparar o seguinte duelo co novo adestrador.
Con todo, a destitución prodúcese a metade de semana e a escasas horas de afrontar o terceiro dos tres partidos seguidos contra rivais directos pola salvación.
Ademais, desde o club non confirman quen será o novo adestrador e todo apunta a que Toni Otero farase cargo do banco a pesar das friccións que existiron no verán co consello de administración á hora de confeccionar o persoal e tamén cos encontróns con algúns xogadores do primeiro equipo desde a súa chegada no verán do 2021.
Relacionadas:
-
Nin o 'gol de Señor' salvou o Pontevedra do descenso na Primeira RFEF nun ano para esquecer
Por Diego Espiño |
-
Antonio Fernández despídese do Pontevedra cunha sincera mensaxe en redes sociais
Por Manu Otero |
-
Toni Otero: "Confío cegamente neste plantel, é competitivo para non estar onde está"
Por Manu Otero |
-
Toni Otero colle o temón do Pontevedra
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra segue sen adestrador e o corpo técnico de Antonio Fernández dirixe o adestramento
Por Manu Otero |
-
O tránsito granate do 4-2-3-1 ao 3-4-3
Por Manu Otero |
-
Unha volta e 19 onces distintos, con 7 indiscutibles e dúbidas nos extremos, no nove e no socio de Román
Por Manu Otero |