A inscrición para a San Silvestre, a ritmo de record
Por Diego Espiño
A XXX edición da San Silvestre de Pontevedra vai camiño de bater o seu record de participación se a climatoloxía, como a pasada edición, non o impide.
O domingo, día 15 de decembro, eran xa 1.029 os atletas que solicitaron o seu dorsal a través da páxina web da Sociedad Gimnástica www.sgpontevedra.com.
Esta cifra supón case 300 corredores máis que os rexistrados o mesmo día do pasado ano, o que fai a organización ser optimista de cara a lograr chegar ao número de 3.000 participantes na proba máis popular do ano.
Nesta ocasión, por primeira vez, non se permitirá a inscrición unha vez finalice o prazo marcado na web do club lerezano, o próximo día 26 de decembro, "para poder tener una previsión exacta de cuántos participantes habrá", tal e como xustifica Jesús Cortegoso.
Dende a Gimnástica contan con bater o seu record porque "la gente siempre espera a última hora". Por exemplo na última edición foron 470 as persoas que se anotaron nas últimas 24 horas de prazo.
A carreira, que se disputará o día 31 de decembro ás 17:00 horas, con saída e chegada na Avenida Monteiro Ríos, percorrerá o centro da cidade cun circuíto de 3.700 metros, unha distancia alcanzable coa que se busca "que todo el mundo pueda hacerla", segundo explica Cortegoso.
Como vén sendo habitual, todos os participantes poderán colaborar coa recollida de alimentos que se realizará na mesma liña de saída en beneficio do Comedor Social de San Francisco. Ademais nesta ocasión a organización habilitirá un posto informativo de Unicef para axudar no labor humanitario que a organización está a levar a cabo en Filipinas.