A falta de seguro médico obriga a paralizar a actividade no fútbol de base
Por Diego Espiño
A Federación Galega de Fútbol (FGF) anunciou este domingo que paraliza, de xeito urxente e inmediato, a competición das categorías inferiores ante "a exclusión da modalidade do futbol da prórroga do seguro deportivo do Programa Xogade por parte da Secretaria Xeral do Deporte da Xunta de Galicia".
A medida, comunicada mediante unha circular, afecta a todos os partidos e tamén os adestramentos dende a categoría prebenxamín ata a cadete.
Só na delegación de Pontevedra son preto de 6.500 os nenos que se verán afectados con esta medida preventiva, propiciada pola falta de cobertura médica para os deportistas en caso de lesión.
Segundo explicou a PontevedraViva o delegado pontevedrés da Federación, Jaime Otero, a póliza venceu o pasado xoves día 14 de novembro, e ante a urxencia decidiuse contratar unha prórroga de tres días que cubrise a xornada deste fin de semana.
A FGF non conta con notificación oficial da súa exclusión do programa, no que si continúan outros deportes, decatándose da falta de cobertura por unha chamada dos responsables da Escola Deportiva Arousa, que se encontraron o pasado venres cun xogador lesionado e a negativa da mutua a atendelo.
O mesmo caso se produciu tamén na delegación de Ferrol, alertando os responsables federativos, que optaron polo momento por suspender a actividade ata que se aclare a situación.