Unha parella pontevedresa participa no Campionato de Baile deportivo da Unión Europea
Por Redacción
Levan dende outubro de 2005 conseguindo éxitos en campionatos de Baile Deportivo. Adrián Esperón, un pontevedrés de 22 anos, e Patricia Martínez, unha moza de 21 nacida en Mos, conforman a primeira parella desta especialidade en Galicia que conseguiu ser semifinalista en dúas ocasións consecutivas nun Campionato do Mundo na modalidade dos 10 bailes.
Actualmente, son a parella do máximo nivel deste deporte que conseguiu máis títulos con cinco campionatos de España en Standar e en 10 bailes nas súas distintas categorías. Foron seleccionados para participar no Campionato da Unión Europea que se celebra durante esta primeira fin de semana de novembro na República Checa onde acadaron a novena posición.
Esta actividade converteuse en deporte no ano 2006 cando o Consello Superior de Deportes recoñeceu ao baile deportivo, que se deriva dos bailes de salón, nunha modalidade federada.
O baile deportivo leva consigo a realización, por parte dos participantes dunha serie de esforzos físicos e da execución de movementos con complexidade ademais dun adestramento prolongado para a obtención de rendemento de alto nivel.
Por outra parte, esta actividade ofrece un carácter competitivo baseado na arbitraxe cualificada con regulamentación, tanto a nivel de regras de xogo coma de instalacións, equipamento e formación.
Adrián Esperón e Patricia Martínez na Final do Campionato de España 10 Bailes Rumba (Youtube, autor: Escuela Pasos):