O Arxil recibe ao Café Barco Badajoz co obxectivo de lograr a súa primeira vitoria na liga
Por Redacción
Estrear o seu marcador de puntos. ÿ o obxectivo co que o Arxil, tras as súas dúas derrotas iniciais na nova tempada da Liga Feminina 2, afronta o partido contra o Café Barco Badajoz, un dos equipos recentemente ascendidos á categoría de prata do baloncesto feminino español. O encontro disputarase este sábado ás 19.30 horas no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (CGTD).
A pesar de ascender esta tempada, no Arxil non se fían. Chegan a Pontevedra cun balance dunha vitoria e unha derrota. Segundo o cadro técnico pontevedrés, son un equipo agresivo con moitas alternativas en defensa e cunha gran mobilidade en ataque grazas, especialmente, á achega de tres das súas xogadoras, Regina Gómez, Bolonio e a súa máxima anotadora Piedad Castro.
No seo do Arxil a derrota da pasada semana ante o Ensino, e que a priori entraba nos cálculos iniciais, doeu moito no plantel. "Fomos a Lugo con moitas expectativas de facer algo bonito debido ao bo traballo que vén realizando tanto físico como técnico táctico e foi un mazazo", recoñece o director deportivo do equipo, Lino Vázquez.
Pero o equipo pontevedrés segue confiando no traballo semanal e esperan que as xogadoras verdes poidan despregar esta semana un xogo intenso en defensa e un ritmo rápido de xogo, chegando ao último cuarto con opcións de pelexar polo triunfo. Para iso, Mayte Méndez, salvo imprevistos de última hora, poderá contar con todo o plantel á súa disposición aínda que hai xogadoras con certas molestias.