Ao Helmántico sen marxe para o erro
Por Manu Otero
Fin de semana chave nas aspiracións do Pontevedra. Os granates enfróntanse este domingo ao Salamanca no histórico estadio Helmántico coa obrigación de conseguir os tres puntos para escapar da zona de descenso na que se atopa e reengancharse á loita pola clasificación á Primeira RFEF. Ademais, a xornada inclúe enfrontamentos directos entre todos os aspirantes que poden apertar aínda máis a clasificación.
"O equipo está ben, están animados", recoñece Luisito, que continúa tratando de implantar o seu selo ao plantel pero "sen atosigarlos. Estamos a traballar cousas moi sinxelas", asegura. De feito, o técnico prevé presentar un sistema "moi parecido" ao do último partido. "Non están as cousas como para facer probas", admite pedindo máxima intensidade aos once elixidos e "seguir apertando" aos que queden no banco.
O preprador seguirá sen poder contar con Churre, que non se recuperou a tempo das súas doenzas nos isquios, nin cos lesionados de longa duración Adrián Cruz nin Romay. O que si que volverá estar dispoñible a pesar das súas molestias no ombreiro é Rufo.
Non só cambiar a tendencia do seu equipo, a Luisito tamén lle preocupa o rival. "Están moi vivos, chegan nunha boa dinámica", advirte lembrando os resultados positivos conseguidos polo Salamanca nas últimas datas. "Non ten nada que ver co Salamanca da primeira volta, reforzáronse moi ben", dixo o preparador poñendo o foco na nova parella de centrais, nas bandas e no dianteiro, que segue sendo o mesmo que pisou Pasarón o ano pasado.
Outro obstáculo para superar é a ansiedade por conseguir anotar un gol dunha vez por todas. Os numerosos fallos na definición impediron sumar tres puntos no último partido. A solución está en "soltarse", di Luisito. "Quero liberalos e niso estamos", puntualiza.
Sobre o verde de Salamanca, o Pontevedra tratará de volver ser o equipo agresivo e ofensivo que se viu na primeira parte do duelo contra o Guijuelo. E volveu insistir o de Teo no principal trazo que diferencia o seu Pontevedra do anterior. "Non quero gorrazos", repetiu. "O balón longo só é un recurso puntual. Eu o fútbol directo non adoito traballalo, non me gusta. Temos xogadores con outras características", remarcou.
Neste sentido será chave golpear primeiro, pois o máximo responsable do banco granate prevé un partido con moita alternancia na posesión do balón. "Vai haber momentos para os dous equipos, nós imos ter as nosas e temos que dar a puntilla. Pero tamén imos sufrir", advirte.
E como toda axuda é pouca. O primeiro equipo estivo na mañá deste venres na capela da Virxe Peregrina para realizar a tradicional ofrenda floral que dea un plus de enerxía aos xogadores nesta recta final de liga na que tan necesarias son as vitorias. Se a virxe, e os de granate, obran o milagre, o Pontevedra poden pechar a xornada a só dous puntos da ansiada terceira praza e afrontar os dous próximos e transcendentais choques contra Compostela e Deportivo con optimismo.
Relacionadas:
-
Rufo e Charles enganchan o Pontevedra á liga remontando ao Salamanca (1-3)
Por Diego Espiño |
-
Luisito, logo da súa reestrea en Pasarón: "Al equipo solo le faltó el gol"
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
O efecto Luisito non acaba coa seca do Pontevedra (0-0)
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Poucos cambios e foco no balón parado para o redebut de Luisito
Por Manu Otero |