Támara Echegoyen: "Se hai só unha oportunidade de que haxa Xogos, temos que chegar o mellor preparadas posible"
Por Diego Espiño
A escalada de restricións das últimas semanas colleu a Támara Echegoyen en Lanzarote, onde o equipo nacional de vela estableceu a súa base provisional de adestramento para preparar os Xogos Olímpicos de Tokyo. En Xapón, a pontevedresa cumpriría a súa terceira participación olímpica, tras o ouro conseguido en Londres 2012 e o cuarto posto de Río 2016, iso sempre e cando a pandemia permita a súa celebración, no medio dunha crecente incerteza. Pero Támara prefire non pensar máis do necesario niso e segue traballando duro para chegar nas mellores condicións á cita xunto á súa compañeira no 49er FX, a balear Paula Barceló. Dentro desa rutina de traballo, entre adestramento e adestramento fai un oco para atender a PontevedraViva:
- Despois de competir nas Lanzarote Winter Series quedástesvos en Canarias. Como vai a preparación?
Si, quédanos un meseciño máis por aquí polo menos. O clima é perfecto e as condicións tamén. Estamos moi cómodas. Temos a sorte de movernos aquí a Lanzarote, non só nós senón moitas tripulacións internacionais, polo que hai esa opción de traballar e encima de compararte coas mellores para ver se estamos a levar o camiño correcto. Tivemos esa competición hai dúas semanas e a verdade é que as sensacións son moi boas sobre todo porque somos conscientes de que non hai moitas oportunidades de probar cousas.
Sobre unha posible cancelación dos XXOO: "A incerteza creo que vai estar ata o día antes"
- Conseguistes a praza tras proclamarvos campioas do Mundo, pero Paula e ti levades pouco tempo navegando xuntas. Veuvos ben a modo de preparación o 'ano extra' que supuxo o aprazamento das olimpíadas a 2021?
O aprazamento foi duro para todos os deportistas, pero é verdade que Paula e eu nese aspecto somos moi positivas porque nos deron 14 meses para seguir traballando. Sabemos que é unha oportunidade única e non a imos a desaproveitar, imos traballar e tentar mellorar. Tiñamos bo nivel, pero é verdade que necesitabamos máis tempo para seguir mellorando. Levamos só dous anos xuntas e esta é unha clase con moitísimo nivel, con equipos moi consolidados porque levan moito tempo xuntas e é un factor que debemos acurtar.
- Sentides máis preparadas agora que hai un ano?
Sen dúbida o equipo madurou moito e nótase á hora de competir. Estivemos hai pouco en Vilamoura e levamos o título da regata con bos parciais e sobre todo moita seguridade no campo de regatas. É verdade que hai cousas que mellorar, que as rivais non o poñen nada fácil pero a evolución do equipo foi moitísima grazas ao traballo dos técnicos.
- E no medio de todo isto volve sobrevoar a pantasma dunha suspensión dos Xogos Olímpicos. Como afecta esta incerteza?
A incerteza é incómoda para todo o mundo, pero ao final esta situación non depende de nós e por tanto a filosofía que seguimos Paula e eu é que se hai só unha oportunidade de que haxa Xogos, temos que chegar o mellor preparadas posible. A única forma é adestrar cada día e é a mellor forma de afrontalo, porque a incerteza creo que vai estar ata o día antes.
- Cal é o teu calendario ata Tokyo? Algún reto previo?
É unha tempada complicada. Tes que ter polo menos tres plans alternativos, porque a situación cambia cada día. A realidade é que nosa proba fetiche, o Trofeo Princesa Sofía que se adoita facer a primeira semana de abril acaba de ser aprazado a outubro. Non teremos esa proba para competir e o noso plan ten que volver cambiar. Hai varias opcións, seguramente alongar un pouco máis a estancia en Lanzarote. Aquí están case todos os equipos internacionais adestrando, polo que unha vez desprazados aquí xa temos unha boa infraestrutura para seguir traballando. Ademais segue adiante unha proba do circuíto mundial a final de abril en Francia, que sería a nosa última proba en Europa.
"Se todo vai ben e é posible a finais de maio tentaremos ir a Xapón para poder seguir adestrando no campo de regatas olímpico"
- Iredes a Xapón moito antes da competición?
A Federación está a estudar varios escenarios e se todo vai ben e é posible a finais de maio tentaremos ir a Xapón para poder seguir adestrando no campo de regatas olímpico.
- No voso caso a vela competirá na illa de Enoshima. Que condicións esperades no campo de regatas?
Creo que podemos esperar distintas condicións, e iso é o bo, porque vai ser moi aberto. Vai depender un pouco da dirección do vento, porque podemos ter entre ventos moi frouxos do norte sen ondas ata ventos medios que veñen dos sures con ondas de fondo e ventos fortes. Tes que estar preparado para todas as condicións e quen consiga ser mellor en todas levará o triunfo. Ao haber tanta variabilidade permite que máis equipos poidan loitar polas medallas. Prometen ser uns Xogos Olímpicos moi rifados, iso seguro.
- Será difícil entón verte por Pontevedra antes dos Xogos.
A realidade é que nesta situación as viaxes son moi complicados, as restricións… É difícil facer esas viaxes curtas coas que recargabas enerxías e volvías, pero a miña nai vive en Galicia e eu teño que vela, así que seguro que irei.
Relacionadas:
-
Accidentado debut de Támara Echegoyen e Paula Barceló nos Xogos, cun oitavo posto provisional
Por Diego Espiño |
-
Támara Echegoyen aterra en Tokyo e inicia a conta atrás para os seus terceiros Xogos Olímpicos
Por Diego Espiño |
-
A 'Lanzarote International Regatta', banco de probas de Támara Echegoyen para os Xogos
Por Redacción |
-
Escalada ata a quinta posición de Támara Echegoyen e Paula Barceló na xornada final do Europeo
Por Redacción |
-
Támara Echegoyen regresa ao Top10 do Europeo de 49er FX tras conseguir un valioso quinto posto
Por Redacción |
-
Támara Echegoyen, ante o Europeo: "É unha proba perfecta para seguir adestrando para os Xogos"
Por Redacción |
-
Támara Echegoyen vence no Nacional de Vela Holandés Open en Medemblik
Por Redacción |
-
Támara Echegoyen, con permiso para volver navegar no 49er FX máis de dous meses despois
Por Redacción |