A permanencia na Superdivisión é unha meta "más que suficiente" para o TM Monte Porreiro
Por Diego Espiño
Nunha tempada con tantas complicacións como a que aínda non comezou, o obxectivo do Tenis de Mesa Monte Porreiro en relación sobre todo ao seu primeiro equipo masculino é manterse na Superdivisión, á que chegaron hai dous anos.
"Con la permanencia es más que suficiente, sobre todo tras perder a Horacio (Cifuentes)", recoñece Nando Álvarez, adestrador do equipo pontevedrés a pesar de que a pasada campaña clasificáronse en postos europeos, aínda que finalmente non gozaron de tal honra por non cumprir un requisito das bases de competición.
Agora a situación é ben diferente, e ademais segue no aire, xa que a Real Federación Española de Tenis de Mesa comunicou aos clubs un novo aprazamento no inicio das ligas nacionais, previsto para principios de xaneiro pero que se atrasa previsiblemente ata o mes de marzo. É a data polo menos que manexan os equipos, e ademais cun cambio no sistema de competición xa que se pretende disputar a Superdivisión en seis fins de semana mediante xornadas por concentración en sedes únicas.
Pola súa banda na División de Honra, con representación tanto masculina como feminina do Monte Porreiro, apóstase por crear subgrupos de 5 equipos cada un por proximidade xeográfica.
Mentres todo iso non se pon en marcha "estamos trabajando con lo que podemos", explica Álvarez, que valora á súa vez o "francamente bien" que están a funcionar os protocolos de seguridade nos torneos de nivel autonómico.
Un punto de partida que completa o Monte Porreiro con adestramentos cos seus xogadores galegos e tamén en ocasións co portugués André Silva, mentres que os reforzos procedentes de Arxentina atrasaron a súa chegada a Pontevedra ata finais do mes de xaneiro.