Tino Fernández ve "caóticas" as medidas de restrición da Xunta para o deporte e pide a paralización das competicións autonómicas federadas
Por Diego Espiño
O concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández, criticou duramente este venres as medidas de restrición aprobadas pola Xunta de Galicia en relación á actividade deportiva.
"Somos conscientes de que nos atopamos nun momento excepcional no que compre tomar medidas excepcionais", comezou dicindo o edil para despois asegurar que "non se entenden moi ben algunhas das medidas", cualificándoas de "caóticas".
En concreto Fernández fai referencia ao deporte federado de modalidades deportivas de equipo a nivel autonómico, como poden ser as categorías de base ou algunhas en idade sénior a nivel galego. "Vemos con preocupación que se sigan permitindo adestramentos en grupo e desprazamentos a competicións", defende ante o que entende como un risco de propagar a Covid por zonas menos afectadas.
"Parécenos un absoluto sinsentido que esteamos a pedir prudencia, que esteamos a pechar bares e cafeterías pedindo un esforzo enorme á hostalería e ao mesmo tempo non se tomen medidas máis estritas coas competicións federadas", engadiu o concelleiro pontevedrés sinalando como exemplo que esta próxima fin de semana "están previstos ata 120 desprazamentos" de equipos por toda Galicia, sen que lles afecten as restricións de mobilidade.
Para Fernández esta permisividade supón unha contradición coas restricións para o exercicio físico ao aire libre ou en ximnasios, que só se pode realizar segundo a nova normativa de maneira individual ou con conviventes.
Por ese motivo pediu á Xunta de Galicia a paralización das competicións deportivas autonómicas "ata que a situación mellore", ademais de articular medidas de compensación económica para entidades privadas como ximnasios nos que "vai haber un peche xeral".
O edil tamén se referiu a preguntas dos xornalistas ás competicións non profesionais de ámbito estatal, aínda que "entendo que neste caso as federacións e o CSD deberían tomar cartas no asunto", xa que "se fóra por este concelleiro todo o deporte federado estaría parado".
Relacionadas:
-
Tino Fernández aplaude que a Xunta "admita ao fin que hai que aplicar criterios de prevención e prudencia no deporte"
Por Redacción |
-
Os ximnasios saen á rúa para que os recoñezan como actividade esencial para a saúde
Por Manu Otero |
-
O Partido Popular asegura que o concelleiro Tino Fernández "no cree en el deporte, no le preocupan ni clubes ni deportistas"
Por Redacción |
-
Consulta as actividades non esenciais que quedan prohibidas no perímetro de Pontevedra durante un mes
Por Natalia Puga |
-
As novas restricións rebaixan aínda máis o aforo de eventos deportivos: máximo 150 espectadores con condicións
Por Diego Espiño |