A Xustiza dá a razón á Fegapi ao negarse a abonar unha parte das licenzas á Real Federación Española de Piragüismo
Por Redacción
A Federación Galega de Piragüismo comunica a resolución do Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 da Audiencia Nacional que deixa sen efecto a sanción imposta pola Real Federación Española de Piragüismo ao presidente da Federación Galega de Piragüismo, José Alfredo Bea.
Lembran desde a institución autonómica que en xaneiro do 2019, a española inhabilitou ao mandatario galego durante seis meses por un suposto incumprimento consistente en expedir licenzas de ámbito autonómico e non pagar á Federación Española a cota correspondente. A decisión baseábaa o ente nacional en que a implantación da licenza única obrigaba ás territoriais a tramitar todas as licenzas como estatais e, por tanto, abonar unha contía á devandita federación.
Esta inhabilitación ao mandatario galego chegou a ser confirmada polo Tribunal Administrativo do Deporte, dependente do Consello Superior de Deportes. Con todo, a Federación Galega recorreu a sanción argumentando principalmente que o Tribunal Constitucional había declarado a inconstitucionalidade da licenza única dando via libre ás autonómicas para expedir licenzas no seu propio ámbito. Ademais, o ente galego denunciou un trato discriminatorio fronte a outras federacións territoriais que tamén expediron licenzas autonómicas sen ser expedientadas pola nacional.
A sentenza ditada agora pola Audiencia Nacional estima integramente o recurso da Fegapi e anula a sanción. Ao mesmo tempo condena á Federación Española e ao TAD para devolver as cantidades cargadas á galega polas licenzas autonómicas.
Desde a entidade que preside Fredi Bea consideran este litixio un episodio máis dos que a Fegapi denuncia como unha persecución por parte da federación nacional que preside Ramón Mangas e lamentan que pola lentitude do procesoFredi Bea tivese que cumprir a inhabilitación de forma íntegra co consecuente prexuízo para a súa imaxe pública e cargar cos gastos do proceso.