'Vuelve la Resistencia' ao fútbol sala marinense da man do Club Deportivo La Peña
Por Redacción
Co inicio da competición no aire, e á espera de retomar a actividade deportiva con normalidade, o Club Deportivo La Peña, entidade do municipio de Marín especializada en fútbol sala, puxo en marcha a súa particular campaña promocional para a tempada 2020/2021.
Baixo o lema 'Vuelve la Resistencia', unha clara referencia a actual situación orixinada polo coronavirus e baixo unha estética inspirada na serie La Casa de Papel, o club comezou a preparar a que será a súa oitava tempada nas pistas coa presentación dun vídeo promocional co que buscan fomentar a práctica de fútbol sala en Marín, e convida a todas as persoas que queiran a unirse ao seu proxecto deportivo, tanto novos como adultos.
O anuncio, que se gravou durante 4 días do mes de agosto, utiliza o concepto de 'La Resistencia', alcume que está instaurado na mente da xente do municipio. "Este sobrenome naceu debido á condición humilde do club, aínda que desde o pasado mes de marzo gañou unha nova connotación por mor da crise sanitaria", explica a directiva, "aproveitamos o concepto para abordar unha nova tempada un tanto inusual, resistindo a todas as adversidades que se presenten e facendo fronte a unha 'nova normalidade' coa prevención como ferramenta fundamental para acabar coa COVID-19".
É por iso, que para esta tempada a entidade deportiva quixo ir un paso máis aló na súa campaña, traballando na realización do vídeo promocional xunto á produtora marinense Trece Amarillo, para así seguir mellorando no plano audiovisual, ao mesmo tempo que colaboran co talento novo local.
A rodaxe do vídeo transcorreu durante catro días en diferentes espazos do municipio, mantendo en todo momento un estrito protocolo de seguridade e hixiene. Tomando como referencia a 'Guía de boas prácticas de medidas especiais para a prevención de riscos laborais do sector audiovisual COVID-19' difundida polo ICAA, a gravación estivo marcada polo distanciamento social, extras con máscaras, uso de localizacións con grupos reducidos ou desinfección de materiais e equipo audiovisual.