Jónatas Pereira colócase segundo no ranking nacional sub-20 de lanzamento de xavelina
Por Redacción
A volta á competición non puido sentarlle mellor a unha das grandes promesas do atletismo arousán, Jónatas Pereira.
O lanzador vilanovés, actualmente nas filas do Celta de Vigo, logrou superar en case dous metros a súa mellor marca persoal na súa primeira cita competitiva post-Covid, colocándose ademais como premio engadido no segundo posto do ranking nacional sub-20 de xavelina.
O pupilo de Javier López Viñas, que se despraza tres días á semana para adestrar no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, acudiu a un encontro de lanzamentos celebrado este mércores na localidade portuguesa de Vilanova da Cerveira.
Alí, Jónatas superou no seu primeiro intento os 56,80 metros que acreditaba desde o pasado ano como a súa mellor marca persoal, lanzando a xavelina ata os 58,56 metros.
"Aínda que o nivel de forza aínda o ten baixo, pola falta de traballo, a súa adaptación técnica e nivel de rendemento, están moi ben", asegura o seu adestrador, que espera que poida seguir mellorando nos próximos meses, nos que tiña como obxectivo inicialmente tentar conseguir subir ao podio no nacional e converterse nun atleta internacional. Agora, cos encontros internacionais en suspenso, a súa mira céntrase no Campionato de España previsto para os días 3 e 4 de outubro en Xixón.
Debido ao coronavirus, a preparación da promesa arousá viuse modificada, e de feito ademais dos días que se exercita no CGTD mantén rutinas de traballo na casa e nun ximnasio privado dado que polo momento non pode utilizar o do Centro de Tecnificación.