Ofertas falsas e clausulazo de 800 millóns de pesetas: Así se xestou a fichaxe de Canabal polo Real Madrid
Por Diego Espiño
Moitos afeccionados do Pontevedra lembran aínda a día de hoxe a Manolo Canabal. Forxado nas categorías inferiores, o espigado dianteiro de Forcarei destacou no primeiro equipo granate na campaña 94-95 antes de iniciar un periplo polo fútbol profesional que lle levou mesmo a ser fichado polo Real Madrid a golpe de talonario. Canabal pasou despois por outros equipos na elite antes antes de volver a club do seu corazón, en Pasarón e en Segunda División, aínda que unha inoportuna lesión de costas empuxoulle prematuramente á retirada.
Agora o dianteiro vive afastado do fútbol, pero a súa figura volveu á primeira plana grazas ao libro 'Historias de Mérida. 19+12 relatos de su época dorada', do xornalista José Antonio Reina e editado por Círculo Rojo. Nel recóllense unhas sorprendentes revelacións José Fouto, presidente do Mérida na década dos 90.
Segundo explicou o autor nunhas declaracións recollidas pola Axencia EFE, Fouto recoñeceu ter pedido aos dirixentes do Real Club Deportivo e Atlético de Madrid, Augusto César Lendoiro e Jesús Gil respectivamente, que lle remitisen falsas ofertas por escrito polo dianteiro.
Este suposto interese tería provocado o receo do Real Madrid de Lorenzo Sanz, e é que o adestrador Fabio Capello quedara namorado de Canabal polo seu bo rendemento en Mérida na 96-97, na que anotou unha decena de goles colaborando no ascenso dos estremeños a Primeira División. Así, ante o temor de quedar sen o xogador, o conxunto madrileño terminou pagando a súa cláusula de rescisión, fixada en 800 millóns de pesetas da época convertendo ao canteirán granate no xogador galego máis caro da historia nese momento.
O resto da historia é coñecida pola maioría. Canabal, sen apenas oportunidades nun Madrid no que cambiara a dirección técnica en favor de Heynckes, saíu cedido a metade de tempada ao Valladolid, aínda que foi membro do plantel que logrou ese ano a Copa de Europa, cobrando a pertinente prima por iso.
O de Forcarei asinou un contrato de 5 anos co club da capital, cunha cláusula de rescisión de 8.000 millóns de pesetas, aínda que finalmente o seu periplo en Primeira División estivo ligado ao Real Valladolid, Alavés, Rayo Vallecano e especialmente Málaga, onde permaneceu catro tempadas.