Nove equipos da área de Pontevedra benefícianse do plan de patrocinio da Fundación Deporte Galego
Por Redacción
O Padroado da Fundación Deporte Galego reuniuse o pasado 12 de xuño para dar luz verde á resolución provisional da adxudicación dos convenios de patrocinio aos clubs galegos que forman parte deste proxecto de promoción do deporte.
O importe total que percibirán os clubs beneficiarios supera os dous millóns de euros.
Na área de Pontevedra, os nove equipos que asinarán o convenio coa fundación son: Peixe Galego (59.300 euros), Teucro (33.000 euros), Cisne (30.500 euros), Umia (13.200 euros), Pontevedra CF (60.000 euros), Poio Pescamar (39.500 euros), O Fisgón (15.000 euros), Tenis de Mesa Monte Porreiro (5.300 euros) e Club Bádminton Ravachol Pontevedra (7.100 euros).
Á hora de adxudicar os fondos a cada un dos solicitantes téñense en conta doce criterios. O primeiro determínase en función do número de licenzas, tipo de patrocinio e nivel da competición; o segundo, en base ao número de xornadas da fase regular; o terceiro, polo número de deportistas participantes do equipo de forma simultánea no espazo de competición; e o cuarto, pola posición final na tempada 2018/2019.
O quinto é polo nivel das competicións europeas ou mundiais nas que participou na campaña 2019/2020; o sexto, polos títulos de campión conseguidos no últimos cinco anos; o sétimo, polas tempadas na máxima categoría estatal no últimos quince anos; e o oitavo, pola participación do equipo sénior noutras competicións da mesma especialidade a maiores da competición principal.
O noveno criterio está relacionado coa presenza de deportistas galegos de alto nivel; o décimo, cos equipos cuxos deportistas precisen elementos voluminosos para competir; o úndécimo, se se trata dunha competición de deporte adaptado; e o duodécimo, coas melloras publicitarias propostas.