O Pontevedra repite rival na LIV edición do Trofeo Luis Otero enfrontándose ao Deportivo
Por Ramiro Espiño
Pontevedra e Deportivo repiten cartel do clásico do verán futbolístico pontevedrés. O Trofeo Luis Otero, que este ano alcanza a súa LIV edición, e que será a primeira oportunidade para a afección granate de ver en acción o equipo adestrando polo novo inquilino do banco local, o ex-deportivista Nando.
Na edición anterior os coruñeses chegaban coa vitola de equipo de Primeira División, pero o Pontevedra arrepor lles con dignidade, tendo que recorrer aos lanzamentos de penalti para decidir que o trofeo viaxase ata A Coruña, despois de empatar no tempo regulamentario a dous goles.
Este ano un Pontevedra con menos novidades, pero quizais máis atractivo, ten precisamente no banco o seu mellor argumento para captar a atención dos seguidores. Nando mostrará as súas primeiras cartas e o estilo de xogo que quere impoñer nun equipo no que aínda faltan varias pezas claves, pero que debe comezar a mostrar bastantes das virtudes que han de levalo a loitar polo primeiro posto na Liga de Terceira División.
Non obstante, o técnico granate distribuíu os seus xogadores en dous grupos para afrontar o dobre compromiso do fin de semana. Aínda que na tarde do sábado desprazou ata A Estrada a todos os homes ás súas ordes, a menor esixencia dese primeiro compromiso fíxoo decantarse por utilizar xogadores que están a proba e outros do filial que veñen realizando a pretempada, reservando aos demais para o partido fronte ao Deportivo, que aproveitaron a tarde para un lixeiro adestramento.
O domingo (20:00 horas) en Pasarón, inverteranse os papeis. Os compoñentes do primeiro equipo, incluídos algunhas das caras novas, deberán levar o peso contra o Deportivo, se ben pode haber minutos tamén para algún dos xogadores a proba, pois a intención do técnico é que tras a xornada de descanso que dará o luns reducir o numeroso grupo co que viña traballando, para quedar exclusivamente cos que terán ficha do primeiro equipo, ademais daqueles canteranos que conten con máis posibilidades ou lograsen convencer o técnico.
Non obstante, para o partido co Deportivo, Nando aínda non poderá dispoñer de tres das novas fichaxes, xa que Javi Otero, Miguel Vázquez e Benja están con problemas físicos que lle impediron traballar co grupo e desaconsellan a súa participación.
Recordar que os prezos das localidades para este partido son de 12 euros, en Tribuna, 10 euros, en Preferencia, e 8 euros nos Fondos Norte e Sur. Ademais, os júniors, entre 7 e 18 anos, pagarán 6, 5 e 4 euros, respectivamente, mentres que os socios do Pontevedra terán libre acceso presentando o seu aboamento para a nova tempada.