Peñas e Consello de Administración do Pontevedra reúnense para achegar posturas
Por Ramiro Espiño
Mais de 20 representantes de diferentes peñas do Pontevedra acudiron á convocatoria realizada polo presidente do Consello de Administración, José Manuel Fernández, co obxectivo de limar diferenzas e estreitar lazos tratando de recompoñer unha relación distante e tensa que xerara un distanciamento importante de moitos dos colectivos de afeccionados co club.
Foron case tres horas de intercambio de impresións. Por parte do Consello, representado polo seu presidente José Manuel Fernández, a quen acompañaba a conselleira Lupe Murillo, quíxose dar este paso para solicitar aos peñistas o seu apoio ao club, á vez que recibir por primeira vez de modo oficial os representantes da maior parte de peñas activas na actualidade nas novas oficinas de Pasarón.
As relacións entre club e peñas arrefriáranse notablemente nos últimos tempos, especialmente a raíz de determinados comportamentos do ex-presidente, Mauricio Rodríguez, que levantaron severas e constantes críticas á súa xestión, ata o punto de que as pancartas e berros pedindo a súa dimisión se transformaron en algo constante durante toda a tempada.
Con este xesto, José Manuel Fernández quixo dar un primeiro paso para facer "borrón y conta nova, porque Pasarón tiene que ser la casa de todos -declarou ao finalizar a reunión, que cualificou de satisfactoria- y el Pontevedra necesita del apoyo de sus aficionados".