Festa fin de tempada do Club Waterpolo Galaico Pontevedra na praia fluvial do Lérez
Por Redacción
O Concello de Pontevedra e o Club Waterpolo Galaico Pontevedra organizan este sábado 20 de xullo unha actividade de promoción deste deporte na praia fluvial do Lérez. Trátase dunha festa para despedir a mellor tempada do club pontevedrés no que aos resultados se refire, logo de acadar 10 títulos das 16 competicións que disputou nesta tempada.
Os xogadores das distintas categorías do club xogarán partidos de exhibición nas augas do Lérez, gozando da praia fluvial situada fronte a Illa das Esculturas. A actividade tamén pretende ser unha fórmula de dar a coñecer esta disciplina deportiva para todos os nenos (especialmente de 8 a 13 anos) que o desexen, e pasar un bo rato entre amigos.
O club instalará dous campos de xogo na zona de baño da praia coas súas respectivas portarías inchables. Dende as 11.30 horas ata as 13.30 horas, todos os que queiran coñecer e gozar do waterpolo, xa sexa coma participantes ou como espectadores, poderán achegarse ata a praia fluvial.