Lúa Piñeiro, ás portas da loita polas medallas tras caer en cuartos do Mundial de Taekwondo
Por Alejandro Espiño
Ás portas das medallas. Así quedou a caldense Lúa Piñeiro no Campionato do Mundo de Taekwondo que se está celebrando na cidade mexicana de Puebla. A loitadora do Club Olimpic de Vilagarcía caeu eliminada nos cuartos de final da categoría de menos de 67 quilos, tras perder contra a representante da China-Taipei, Chuang Chia-Chia.
Non era unha rival nada doada contra a que se enfrontaba en cuartos de final. Chuang chegaba á antepenúltima rolda logo de eliminar á número tres do ranking mundial, a turca Nur Tatar. E aínda que ambas estiveron moi parellas durante todo o combate, finalmente a chinesa vencía por un apertado 3-2.
Foi en todo caso un fabuloso torneo para a deportista galega. No seu primeiro combate, Lúa Piñeiro desfíxose dunha das deportistas locais, a taekwondista mexicana Victoria Tamez por 8-6, unha rival que se veu abaixo desde o primeiro combate e non puido superar en ningún momento á caldense, malia as múltiples amonestacións que sufriu a española.
Xa en oitavos, a taekwondista galega deu unha das grandes sorpresas do campionato ao derrotar á potente iraní Shokraneh Izadi por 7-6. Lúa Piñeiro logrou pasar aos cuartos final grazas ao punto de ouro.
Con este resultado, Lúa Piñeiro, campioa de España na categoría de menos de 67 quilos, quítase dalgún xeito a decepción que supuxo para ela non poder participar nos recentes Xogos do Mediterráneo. Non puido competir porque a organización da competición decidiu retirar a última hora a súa categoría do calendario de probas e substituíla pola de menos de 49 quilos.