Argibay presenta o proxecto de Acción Granate e solta unha 'bomba': Lupe denuncia a Nino para quedar coas súas accións
Por Ramiro Espiño
Acción Granate deu un paso máis na súa traxectoria para intentar, co liderado de Alberto Argibay, provocar un cambio radical no control e xestión do Pontevedra. Nun acto celebrado nun Teatro Principal que rexistrou unha nutrida presenza de afeccionados e seguidores do club, a plataforma de accionistas minoritarios analizaron a fondo a situación da entidade, dando a coñecer as súas propostas e proxecto, á vez que os nomes da maior parte dos membros do seu equipo de traballo, dividido en cinco grandes áreas.
Esta nova convocatoria da plataforma de accionistas minoritarios, socios e subscritores suscitara un alto interese, o que se traduciu nunha elevada asistencia, con ao redor de 170 persoas que querían coñecer de primeira man cal é o proxecto e folla de ruta que o equipo encabezado por Alberto Argibay preparou para intentar enderazar o rumbo do Pontevedra, en caso de que consigan o respaldo da maioría accionarial.
Non obstante, e a pesar do convite público que os membros da plataforma cursaran tanto ás forzas políticas coma aos membros do Consello de Administración do club, ningún fixo acto de presenza, e unicamente Lupe Murillo, recentemente nomeada conselleira, compareceu con ao redor dunha hora de atraso sobre a hora de inicio.
Precisamente Lupe Murillo foi protagonista indirecta do que poderiamos considerar como 'bomba' informativa da reunión, cando Alberto Argibay, a preguntas dun dos asistentes sobre como quedaría a repartición accionarial, e en concreto sobre o dato que se indicara de que o actual máximo accionista, Nino Mirón, que segue ostentando o 32,83% da masa accionarial, podería ver reducida esa porcentaxe por unha presunta demanda, aclarou que esa posible demanda tería sido presentada por Murillo contra Mirón co obxectivo de facerse coas accións do ex-presidente, o que na práctica lle daría o control do club.
Tales palabras non provocaron reacción ningunha en Lupe Murillo, que permaneceu en silencio, sentada na súa butaca, sen realizar intervención ningunha nin desmentir a existencia da devandita demanda.
Acción Granate controla xa o 12% do conxunto de accionistas do Pontevedra
Outro dos datos significativos que deixou a reunión foi coñecer que o colectivo Acción Granate segue incrementando o seu peso específico ata o punto de que controla xa o 12% do conxunto de accionistas. Os seus integrantes acudiron ao acto con camisetas nas que lucía o lema: 'No estamos locos, sabemos lo que queremos'.
O acto, que tivo unha duración próxima ás dúas horas, deixou momentos de especial emoción e intensidade, especialmente nas intervencións dalgúns dos asistentes, que demandaron aos máximos accionistas e forzas políticas a urxente necesidade dun cambio na xestión da Entidade e centraron de novo as súas críticas especialmente na controvertida figura de Mauricio Rodríguez, actualmente membro do Consello.
Argibay comezou a súa exposición destacando que "No es verdad que no se pueda hacer más. El Pontevedra tiene más o menos los mismos socios que el Jaen, que acaba de subir a Segunda División A", ademais de incidir en que o club granate perdera as dúas terceiras partes da súa masa social a raíz do descenso a Terceira, para subliñar que "los accionistas mayoritarios van a tener que dar un paso valiente si quieren rescatar al club", deixando ademais un comentario crítico ao indicar: "No se puede decidir el futuro en un Parador. Puede haber otros modelos de gestión, no sólo el nuestro, pero lo que está claro es que el actual hay que cambiarlo".
Aínda que a grandes trazos as liñas mestras do seu proxecto xa foran explicados ao público na primeira convocatoria realizada, Argibay foi máis alá nesta ocasión, facéndose acompañar, ademais de polos dirixentes da Plataforma, por un bo número das persoas que integran o seu equipo de traballo, cuxos nomes foron revelados aos asistentes.
Así, dentro da primeira parte da exposición incidiuse na creación dun Organigrama e Modelo de xestión conformado por cinco grandes áreas. A primeira delas é a Área de Administración, da que forman parte Alfonso Pazos, Licenciado A.D.E., Pedro Porto, Licenciado en Ciencias Económicas e Pablo Vázquez, Experto en Dirección e Xestión Pública. Esta área encargarase da planificación, control de xestión, recursos humanos, contabilidade e finanzas, fiscalidade e facenda pública, acompañados dalgún representante dos accionistas de referencia.
Ex-futbolistas profesionais como Luis Rivas e Pablo Couñago integran o equipo de xestión
A Área Deportiva estará integrada polo propio Argibay, acompañado de Jorge Álvarez, Doutor en Ciencias do Deporte, e dos ex-futbolistas profesionais Luis Rivas (ex-xogador do Pontevedra) e Pablo Couñago. Nesta área integraríase tamén o director técnico do club.
Da Área Comercial e Mercadotecnia encargaríanse Roberto Iglesias, Licenciado A.D.E., Alfredo Pazos, Director Comercial, Antonio Parrado, Profesional de banca e Carlos Pardo, Licenciado en Ciencias Económicas.
A Área de Comunicación Social integra a Manuel Rey, Diplomado en Ciencias da Educación, José Iglesias, como representante de subscritores, afeccionados e federación de Peñas, José Antonio Millán, Licenciado en Psicoloxía e Elisa María, Licenciada en A.D.E.
A última das áreas é a de Servizos Operacionais, que se encargaría de compras, mantemento, informática e novas tecnoloxías, e na que se integran o empresario José Manuel Mosteiro, Ramón Sánchez, Enxeñeiro Informático, Carlos Durán, informático e Carlos Rey, Licenciado en A.D.E.
Logo fíxose repaso da situación actual do club, analizando a súa viabilidade a través de medidas como reducir o gasto, optimizar os recursos económico-deportivos, ademais de xerar novos recursos económicos, para pasar a explicar as causas que, segundo o punto de vista de Acción Granate levaron o Pontevedra á situación actual.
Para rematar explicouse a pretensión de proceder a unha proposta de reforma estatutaria tendente á atomización do conxunto de accionistas, cun plan estratéxico sempre controlado no aspecto patrimonial.
Ademais, Argibay tamén desvelou que Acción Granate conta co apoio de empresarios dispostos a avalar economicamente o proxecto, así como o feito de que en datas recentes o grupo que representa realizou unha oferta de compra dun paquete importante de accións a un dos accionistas maioritarios, que non accedeu a esta.
O acto concluíu coa sensación de que as cartas aínda non están absolutamente repartidas, e que as próximas datas serán vitais para coñecer o futuro inmediato do Pontevedra.