Susana Rodríguez e Mayalen Noriega, campionas do mundo de triatlon paralímpico
Por Ramón Estévez
A paratriatleta viguesa Susana Rodríguez, que xa subiu ao podio no mundial de acuatlón hai uns días, ven de proclamarse campiona no mundial de paratriatlon disputado en Auckland, Nova Zelandia, onde se impuxo con autoridade.
Susana, que anteriormente practicou as disciplinas de natación e atletismo, neste último caso adestrando no Centro Galego de Tecnificación Deportiva situado en Pontevedra, comezou, no ano 2010, a practicar esta disciplina, que estará representada por primeira vez no certame paralímpico de Río 2016.
A proba comezou co frío e a chuvia como invitados. Como consecuencia o segmento de natación tivo que ser reducido a 300 metros debido ás baixas temperaturas da auga. Posteriormente a proba seguiu con tres voltas a un circuito urbán consistentes en 6,7 km cada unha, para pechar percorriso con cinco quilómetros a pé.
Ademais da viguesa, ouro, a británica Melisa Reid obtivo a plata e a estadounidense Patricia Walsh ocupou o terceiro caixón do podio.
Agora Susana Rodríguez e a súa guía Mayalen Noriega poderán desfrutar dunhas merecidas vacacións en Nova Zelandia. Á súa volta, a paratriatleta retornará á facultade de medicina e aos adestramentos, con gañas de afrontar novos retos e desafíos.