Tres puntos de ouro e mérito para o Pontevedra B á conta de Cultural Areas (3-2)
Por Redacción & Diego Torrado
Viña o Pontevedra B de sufrir unha dura goleada en Ponteareas e afrontaba un complicado compromiso fronte a un dos rivais chamados a aspirar aos postos de honra como o Cultural Areas, pero os de Sergio Moreira demostraron carácter competitivo, logrando sumar os tres puntos que deben servirlles para outorgarlles unha boa dose de confianza nas súas posibilidades.
E foi un partido non exento de polémica, que terminou coa temperá expulsión (ao fío da media hora) do adestrador e preparador físico local, Sergio Moreira e Miguel Cores, aínda que nada afectou ao xogadores do filial granate, que souberon manter un resultado que se lles puxo moi pronto a favor.
Dobrete de Vilariño para o Pontevedra B, que encarrilaba o partido aos 18 minutos, pero cinco máis tarde o Cultural Areas metíase de novo no partido, reducindo distancias ao transformar un penalti Albertito.
A tranquilidade para os locais poñíaa Hugo Jiménez, facendo subir o terceiro ao marcador no minuto 31, resultado co que ambos os equipos fóronse ao descanso.
Obrigados polo marcador contrario, os visitantes fóronse arriba e recortaron aos 55 minutos por medio de Vitti. Quedaba un mundo por diante, pero o Pontevedra B soubo aguantar o resultado para terminar quedándose coa vitoria.
Consulta a acta do partido Pontevedra B-Cultural Areas nesta ligazón.
O derbi quedou no Salvador Otero, onde o Céltiga superou a un Portonovo que encadea a súa cuarta derrota consecutiva e suma un único punto quedando como faroliño vermello.
Os da Illa encarrilaron pronto o partido con dous goles nos primeiros 12 minutos. Abriu a conta Manu Santos e Rober conseguía o 2-0.
Reducía distancias Franco Bentancort á media hora de xogo, pero nada máis comezar a segunda parte de novo marcaban os locais ao transformar Grego un penalti.
A falta de 10 minutos Ezequiel volvía dar esperanzas aos de Baltar, pero só tres minutos despois Grego sentenciaba cun novo tanto.
Consulta a acta do partido Céltiga-Portonovo nesta ligazón.
Apuros do Xuventú Sanxenxo para impoñerse en Baltar de Arriba ao Cambados nun partido tenso e disputado, que finalizou con vitoria mínima do conxunto local e un expulsado por bando.
Adiantáronse os locais cun gol de Emilio aos 15 minutos de xogo e o Cambados quedaba en inferioridade ao ver a segunda amarela Andrés aos 41 minutos.
Nada máis comezar a segunda parte, os de Nel conseguían o 2-0 grazas a Nando Novegil, pero os visitantes reaccionaban e reducían distancias por medio de Yago Ameneiro.
Se o partido estaba apertado, máis cando as forzas igualábanse no numérico ao ser expulsado tamén por dobre amarela o local Borja Sáez, pero o marcador xa non se movería e os puntos quedaron na casa.
Consulta a acta do partido Xuventú Sanxenxo-Juventud Cambados nesta ligazón.
Emoción ata o final na Senra onde Ribadumia e Vilalonga disputaron un derbi resolvido con táboas no desconto.
Adiantáronse os locais aos 65 minutos cun gol de Hugo Soto, pero cando parecía que a vitoria quedaría en casa, Adrián Santos igualaba para os de San Pedro.
Consulta a acta do partido Ribadumia-Villalonga nesta ligazón.
Segue o Beluso sen coñecer a vitoria e nesta ocasión saíu goleado dos Carrís nun partido no que o Barbadás foi moi superior.
Os locais abriron o marcador aos 30 minutos cun gol de Sebas, dun tiro desde a frontal, axustado ao pau, ante o que nada puido facer Kevin.
Na segunda parte os locais sentenciaban en apenas un minuto con dous goles (minuto 54 e 55), o primeiro obra de Luís González e o segundo de David Soares, que rematou só na área de meta.
Xa na recta final, Varandela consegue o cuarto gol local, e pouco despois Rúa faría o gol da honra visitante, cando o Beluso xogaba con 10 por expulsión de Darío Vilas. Mesmo no desconto puido chegar o segundo para o Beluso, pero Viana detivo un penalti lanzado por Nacho.
Consulta a acta do partido Barbadás-Beluso nesta ligazón.
Relacionadas:
-
O Pontevedra B gana ao Sanxenxo (3-1) e o Vilalonga cae no derbi ante o Portonovo (3-1)
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O Pontevedra B gaña o Portonovo (0-2) e o Villalonga derrota o Atios para poñerse colíder (2-1)
Por Redacción |
-
Dobrete de Martín Diz e repartición de puntos no Pontevedra B - Moaña (2-2)
Por Redacción |
-
O Pontevedra B cae goleado (6-1) na súa visita ao líder da Preferente, o Atios
Por Redacción |