O Peixe Galego faise coa cesión do ourensán Rodrigo Seoane
Por Diego Espiño
Máis talento galaico para o Peixe Galego no que será o segundo proxecto da súa historia na Liga LEB Ouro.
O conxunto marinense confirmou este mércores a cesión do ourensán Rodrigo Seoane, xogador que pertence ao UCAM Murcia.
Seoane militou as dúas últimas campañas no filial murciano de Liga EBA, alcanzando de media este último ano 13 puntos e 5 rebotes por partido.
O novo talento galego, de 2.02 metros de altura, pode ocupar as posicións de aleiro e escolta e caracterízase por ter "boa man sobre todo de 6,75 e capacidade de rebotear", sinalan desde a entidade 'peixe'.
Trátase do quinto xogador confirmado no equipo adestrado un curso máis por Javi Llorente, tras a renovación de Orellano e as fichaxes de Carlos Noguerol, Jacobo Díaz e Álex Mazaira.
Antes de incorporarse á disciplina do Peixe Galego, Rodrigo Seoane realizará a pretempada co primeiro plantel do UCAM Murcia.