Clausurado con éxito de participantes o III Congreso Internacional de Fútbol Cidade de Pontevedra
Por Ramiro Espiño
O ex-adestrador do Pontevedra, actualmente nas filas do C.D. Leganés, Pablo Alfaro, foi un dos últimos relatores no III Congreso Internacional de Fútbol Cidade de Pontevedra, organizado pola empresa GTSport presidida por Alberto Argibay, que botou o peche a última hora da tarde do domingo, despois de catro intensas xornadas de traballo e debate.
O congreso alternou a sede no Centro Social Novacaixagalicia con relatorios prácticos realizados no campo da Xunqueira, deixando tamén tempo para que a organización obsequiase os participantes con actividades lúdicas como un paseo en catamarán pola ría pontevedresa.
A terceira edición da cita serviu para consolidar definitivamente un congreso que bateu cifra de participantes, con preto de 200 congresistas que seguiron as catro xornadas e entre as que non faltaban caras moi coñecidas do mundo futbolístico, tanto local coma nacional e mesmo internacional.
Así, entre os asistentes puidemos ver homes con pasado granate, como Fernando Castro Santos, ou os ex-xogadores Luismi e Cabrera Cava, ademais do propio Pablo Alfaro, que combinou a súa presenza como relator coa súa condición de congresista, seguindo con atención as explicacións de técnicos e personalidades tan relevantes como Lucas Alcaraz (Granada), José Luis Mendilibar (Osasuna), Fran Escribá (Elche), Fabio Viviani (adestrador auxiliar do Udinese), o axente FIFA Rafa Rodríguez "Rafita" ou o director executivo do Arsenal inglés, Richard Law.