60.000 euros de subvención para a celebración de 13 eventos deportivos en 2013
Por Redacción
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, asinou este martes as resolucións polas que se conceden as subvencións a seis clubs da cidade e a unha federación, a de piragüismo, para a celebración de 13 eventos deportivos durante 2013.
En concreto o Concello adxudicou 60.000 euros repartidos entre o Club Baloncesto Arxil, que obtén 7.500 euros pola organización do XII Día do Baloncesto 3x3 e o XX Torneo Cidade de Pontevedra; o Club Natación Galaico, 10.500 euros polo VIII Trofeo Promesas do Lérez, o Campus a Nadar Todos e as 12 horas de Natación; o Club Taekwondo Mace Sport, 7.000 euros polo XVI Campionato Internacional Cidade de Pontevedra; a Escudería Ciudad de Pontevedra, 8.500 euros pola XV Subida Cidade de Pontevedra; a Escola de Fútbol Porteiro 2.000, con 8.000 euros polo XV Torneo Internacional de Fútbol-7 benxamín; a Sociedad Gimnástica, 10.500 euros polo XVIII Medio Maratón Cidade de Pontevedra; e a Federación Galega de Piragüismo, 8.000 euros pola celebración de catro campionatos galegos.