Domingo de ciclismo na comarca co Trofeo Cidade de Pontevedra
Por Redacción
A volta ao Morrazo, percorrido ciclista popular entre os afeccionados ao deporte das dúas rodas, gozará o vindeiro domingo 16 de setembro de especial protagonismo co Trofeo Cidade de Pontevedra de Ciclismo Memorial Rogelio Acuña.
O Grupo Deportivo Supermercados Froiz organiza unha carreira para as categorías elite e sub-23 que terá saída e chegada en Pontevedra e que contará con 100 quilómetros de percorrido.
Máis dun cento de ciclistas están inscritos nunha competición que partirá ás 10:00 horas desde a pontevedresa Praza de España. Desde alí o pelotón afrontará uns primeiros quilómetros neutralizados polo centro urbano ata chegar á Avenida de Marín, onde se dará a saída lanzada.
Despois os corredores pasarán por Marín, Bueu, Cangas, Vilaboa ou Arcade bordeando a costa para seguir finalmente cara a Ponte Caldelas e baixar de novo cara a Pontevedra por Marcón e Bora.
No tramo final, os ciclistas entrarán na capital provincial por Médico Ballina para baixar cara á ponte do Burgo, proseguir por Avenida de Uruguai e seguir por Arcebispo Malvar ata a liña de meta situada de novo na Praza de España. A chegada está prevista ao redor das 12:30 horas.
Relacionadas:
-
Guillermo García, primeiro sub-23 en completar o III Memorial Rogelio Acuña
Por Redacción |
-
O Froiz asina un triplete na casa e leva o Trofeo Cidade de Pontevedra
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Brais Simil vence na segunda edición do Gran Premio Cidade de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |